Os Pósitos de pescadores eran cooperativas sen distingo entre armadores , mariñeiros e demais xentes do mar, que arelaban a mellora das condicións de vida dos seus asociados, mediante o establecemento de socorros e seguros sociais, a extensión cultural (creación de bibliotecas e escolas) e a explotación directa da actividade pesqueira polos seus protagonistas. A gran expansión desta tipoloxía asociativa tivo lugar a partir de 1.920. O Pósito de Pontedeume foi constituído oficialmente o 31 de decembro de 1.922, nunha asemblea realizada no salón do pazo que fora da Casa de Alba, á que asistiron preto de trescentos mariñeiros, o axudante de Mariña local Eovaldo Iglesias Somoza e unha representación do pósito de Mugardos.
Elixiuse unha Xunta directiva presidida por Manuel Fernández Doldán, na que figuraban Victoriano Vázquez como vicepresidente, Enrique Piñeiro Otero como secretario, Angel Prieto como vicesecretario, José Placer Pérez como contador, Juan Antonio Martínez como vicecontador, José Piñeiro Otero como depositario, Andrés Pena Calvete como vicedepositario e nove vocais máis. Tamén constituíuse unha Xunta inspectora presidida polo axudante de Mariña e seis vocais.
O labor cultural iniciado pola Caixa Central de Crédito Marítimo, -institución creada en outubro de 1.919, continuada logo a partir de 1.930 baixo a denominación de Instituto Social da Mariña-, creando xunto a cada Pósito de Pescadores unha escola para os fillos dos asociados e outros nenos, concretouse no establecemento de máis de cen escolas no litoral do país. Ao principio os gastos de sostemento das escolas corrían a cargo da Caixa Central, e mais tarde a partir de agosto de 1.927, iniciouse un proceso progresivo de nacionalización desas escolas baixo a denominación de Escolas Nacionais de Orientación Marítima, pasando a ser rexentadas por mestres nacionais e sostidas polo Ministerio de Instrución Pública.
A escola do Pósito de Pontedeume
Foi creada en 1.923 mediante unha subvención de 1.500 pesetas para gastos de instalación e inaugurada oficialmente o primeiro de xullo coa asistencia das autoridades locais encabezadas polo alcalde Manuel Salgado Horta , o presidente do Pósito Manuel Fernández e do recentemente nomeado mestre da escola Frutos Fernández Martínez, quen no seu discurso de inauguración, “recomendou aos pais que secunden o labor do mestre, non so enviando aos seus fillos á escola, senón tamén dándolles sans e bos exemplos nos respectivos fogares.”
Na escola inaugurada daranse clases de primeira ensinanza e profesionais de náutica, artes e aparellos de pesca, regulamentos de navegación e pesca, etc. O local da escola instalouse no primeiro andar da casa da rúa Real 32, no que fora sala do antigo casino liberal do pobo. A finais de outubro dese ano o presidente do Pósito solicita ao alcalde o salón do pazo de propiedade municipal, pois o local alugado resultaba xa insuficiente para os máis de cen nenos matriculados. Esta petición é denegada pola Corporación e so conta co apoio do novo alcalde Francisco Abeledo. Haberá que agardar a finais de xaneiro do ano seguinte para que o Concello aprobe trasladar a escola do Pósito para o local do antigo Hospital-Asilo “Agustin Tenreiro”. Aquí estará algún tempo para logo retornar ao local inicial.
Ata 1.927 a Caixa Central de Crédito Marítimo sufragaba os gastos da escola: 2.500 pesetas anuais para o mestre; 1.500 pesetas para o auxiliar; e 500 de material e outras actividades. En 1.928 a escola foi nacionalizada, pasando a denominarse Escola de orientación marítima , e obtén a praza en propiedade o mestre don Frutos Fernández Martínez, quen xa a rexentaba desde a súa fundación e manterase na praza ata o 1.934, ano no que lle conceden o traslado para unha escola da Coruña, ocupando a vacante o mestre veciño de Narón, don Álvaro Vázquez Penedo.
Inauguración da Casa do Pescador (ISM)
Nunha sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Pontedeume, celebrada o vinte tres de xaneiro de 1945, o alcalde Juan Sarmiento da conta dunha solicitude presentada polo presidente do Pósito de Pescadores, como entidade sindical, no que piden a cesión gratuíta dun solar no peirao desta vila, entre as ramplas primeira e segunda das que dan acceso ao mar, e colídante coa estrada que vai cara a estación do ferrocarril, coa finalidade de erguer a Casa do Pescador, obra que segundo o proxecto presentado ía executar a Obra Sindical del Hogar.
Aos beneficios económicos que supón a obra, engaden que o edificio proporcionará local para a Escola pública de Orientación Marítima. Discutida a petición, acorda a Corporación por unanimidade, a cesión gratuíta do solar solicitado. Haberá que agardar máis dunha década para que se faga realidade. O edificio será construído polo Instituto Social da Mariña (ISM) , e inaugurado o trinta de setembro de 1.956, nun acto ao que acoden as autoridades encabezadas polo gobernador civil da Coruña, Cristobal Graciá Martínez , alcalde de Pontedeume Juan Sarmiento Patiño, e bispo auxiliar de Santiago Miguel Novoa Fuente que bendice as instalacións.
No devandito edificio instalouse un bar-cafetería, a lonxa do peixe, as oficinas da Confraría de Pescadores “Virxe do Carme”, nova denominación da entidade sucesora do Pósito e as do ISM. As paredes do Bar Pescador estaban decoradas con diversas pinturas con temas mariñeiros do pintor eumés Abelardo Miguel. A vella escola do Pósito trasladábase desde a súa anterior situación ao novo edificio. No primeiro piso, instaláronse as dúas aulas da Escola de Orientación Marítima, que estiveron en funcionamento ata o curso 73/74, e por elas pasarán centos de escolares uniformados coa guerreira sahariana de cor gris, que subían ás aulas logo de contemplar un mural coa lenda Stella Maris, pintado na parede mesmo fronte a porta de entrada.