A caza do submarino nazi U-966 en Estaca de Bares

O U-966 durante o ataque aéreo en Estaca de Bares (USAF/Wikimedia Commons)

O 10 de novembro de 1943 Estaca de Bares foi testemuña da cruenta batalla entre o submarino nazi U-966 e diversos bombardeiros aliados. Esta é a historia do destino do submarino e do seu capitán, Eckehard Wolf, e de como este acabou ligando a súa vida e máis tarde a súa morte a este recuncho do norte de Galicia.

O U-966 era un submarino U-Boot do Tipo VIIC, o máis utilizado pola Alemaña Nazi na batalla do Atántico contra os convois aliados, con 593 unidades botadas en total. Construído no estaleiro Blohm & Voss de Hamburgo entre xuño de 1941 e xaneiro de 1943, o U-966 foi posto en servizo o 4 de marzo de 1943, nun momento no que os aliados contaban xa con buques de escolta equipados con mellores equipos de sónar, avións de patrulla de longo alcance con radares de procura en superficie e descifraran os códigos da máquina Enigma, o que lles permitía coñecer os movementos das forzas nazis. Todo isto aliviaba as grandes perdas que os submarinos alemáns causaran no Atlántico durante os primeiros anos da guerra.

Ó mando do U-966 atopábase o alférez de navío Eckehard Wolf. Wolf (11 de marzo de 1918 – 26 de marzo de 1978) graduárase na promoción 1937b da Kriegsmarine. Entre marzo e outubro de 1941 servira como terceiro oficial a bordo do U-560, para ser posteriormente ascendido a segundo oficial, rol que desempeñou ata xullo de 1942, cando tras algúns cursos na 8. K.L.A pasou a servir no U-459, antes de facerse cargo do seu propio submarino, o U-966.

O U-570, practicamente idéntico ó U-966 (UK Government/Wikimedia Commons)

Alcumado “o vello” pola súa tripulación a pesar de contar tan só con 25 anos (a tripulación do submarino estaba formada case toda por novatos de entre 19 e 21 anos), os seus subordinados definíano como un comandante paternal pero duro e esixente. “Así nunca chegarán a ser os mariñeiros que poderían ser, quizá boa madeira para birlos, pero nunca bos mariñeiros!”. Estas palabras de Wolf á súa tripulación durante os meses de formación foroni a orixe do alcume do submarino: Gut Holz, boa madeira, e por iso é polo que o emblema do submarino foi unha bóla derrubando un birlo.

Ó acabar o seis meses de formación no mar Báltico, o U-966 foi destinado á novena flotilla de submarinos alemá con base en Brest (Francia), pero no canto de dirixirse alí para a súa primeira patrulla partiu o 5 de outubro directamente desde Trondheim cara á costa este dos EE.UU. Baixo unha terrible tormenta o submarino foi avistado por dous destrutores británicos mentres navegaba ao sur de Islandia e as illas Feroe, unha zona patrullada férreamente polos aliados.

Mentres Wolf realizaba unha inmersión de emerxencia os destrutores lanzaron 87 cargas de profundidade, que aínda que non causaron importantes danos ao submarino nin á súa tripulación, si deixaron o radio transmisor fóra de servizo. Tras tres días sen contacto por radio, os alemáns deron ao U-966 por perdido. Mentres, Wolf e os seus homes, sen obxectivos que atacar e sen posibilidade de poñerse en contacto con algún submarino de reabastecemiento, decidiron que o mellor era volver á base de Brest antes de esgotar as 8.500 millas náuticas de autonomía do sumerxible.

A ruta elixida para iso foi a través do golfo de Biscaia, unha zona controlada fortemente polas patrullas de bombardeiros aliados. Obrigados a saír á superficie para recargar as baterías que alimentaban os motores eléctricos que lles permitían navegar mergullados, os alemáns atopábanse a noite do 10 de outubro de 1943 ó norte da costa de Galicia realizando esta tarefa cando recibiron o primeiro ataque. Un bombardeiro Wellington GR Mark XI da RAF aproveitando a escuridade e o ruído dos motores diésel do submarino colleu por sorpresa á tripulación do U-966 e lanzou desde uns 100 pés de altura seis cargas de profundidade, que aínda que non alcanzaron directamente ao submarino, si danaron seriamente o seu casco e deixaron fóra de servizo o motor de estribor pola onda expansiva que xeraron.

Outra inmersión de emerxencia puxo momentaneamente a salvo ao sumerxible, pero os seus danos eran tan importantes que no canto de deixar de mergullarse a 150 metros continuou descendendo máis aló dos 230 metros de profundidade que estaba preparado para soportar, estabilizándose a uns 240 metros baixo a superficie.

Un Wellington GR Mk XIII equipado con rádar anti submarinos

Sobre a auga, o Wellington patrullou a zona durante un par de horas, pero non volveu ver ao U-966. Este mantívose mergullado ata as 8:30 da mañá, cando tivo que emerxer para recargar novamente as baterías e os depósitos de aire comprimido. Á vez Wolf ordenaba á súa tripulación que puxesen os chalecos salvavidas. Tan só media hora despois un bombardeiro Liberator da US Navy avisado polo Wellington atopouse co submarino a 85 millas da costa. Esta vez as metralladoras do submarino atacaron primeiro e danaron de tal maneira ao aeroplano que foi incapaz de soltar as súas cargas. Tras lanzar un refacho de proxectís ao U-966, o Liberator puxo rumbo á súa base deixando tras de si unha longa cola de fume. Wolf puxo rumbo a Ferrol co obxectivo de chegar a un porto seguro na “neutral” España antes de que o submarino fose afundido.

Ás 11:40 xa se atopaban a 18 millas da costa, cando foron interceptados por un novo Liberator. Este lanzou cinco cargas de profundidade que feriron a tres soldados alemáns. O comandante do submarino manobraba a súa nave enerxicamente para evitar ser alcanzados de novo, pero sobre as 13:05 uniuse outro Liberator á caza, que case conseguiu escorar completamente o U-966 mediante as súas cargas de profundidade. O Gut Holz atopábase tan só a 12 millas da costa, pero navegaba xa afundido por popa e ía deixando tras de si un rastro de aceite.

Un PB4E-1 Liberator da US Navy

Nestas condicións era imposible chegar a Ferrol. A tripulación puxo os seus ollos no cercano porto de Cariño, do que xa podían ver as súas casas e a torre da igrexa de San Bartolomeu. Mentres navegaban no interior da ría de Ortigueira, rodeados de pequenos barcos de pesca, apareceu un nuevo Liberator, a única unidade checa na RAF. Evitando utilizar as cargas de profundidade que poderían danar ás embarcacións locais, os checos lanzaron dous ataques con foguetes, catro dos cales alcanzaron ao submarino por debaixo da liña de flotación, abrindo varios buracos no seu casco.

O U-966 navegaba a duras penas a dous nós de velocidade, cando avistaron o que parecía unha corveta británica na distancia. A suposta corveta británica era en realidade o veterano gardacostas español Arcila, que partira de Santander o 9 de novembro para transportar a Ferrol un torpedo alemán atopado na costa de Santander, pero iso Wolf non o sabía. Eran xa o tres da tarde, e tras seis horas de batalla, o capitán do submarino xa tiña suficiente. Ordenou queimar os documentos secretos, activar unha carga de afundimento cun temporizador de cinco minutos e abandonar a embarcación.

O gardacostas Arcila

A tripulación abandonou o submarino a bordo das lanchas salvavidas, aínda que algúns caeron á auga e tiveron que nadar cara á costa, mentres o submarino estoupaba e afundíase tras eles. O último avión aliado que apareceu na zona foi un Short Sunderland III da RAF, que ao ver a parte da tripulación do submarino na auga decidiu lanzarlles unha balsa salvavidas. Pero nese momento apareceron tres Ju-88R-2s alemáns que atacaron ao Sunderland, abaténdoo e facendo que se estrelase no mar.

Mentres tanto, en terra estaban a organizarse os equipos de rescate. Garda Civil, militares e pescadores dos portos de Bares e O Barqueiro a bordo dos seus pesqueiros saíron en axuda dos sobreviventes. Dos 50 tripulantes do submarino, tres morreron durante os diferentes ataques dos avións aliados e outros cinco pereceron afogados. Os doce tripulantes do Sunderland faleceron. Os corpos de todos eles foron enterrados inicialmente no cemiterio do Barqueiro con honras militares, aínda que posteriormente foron trasladados ao Deutscher Soldaten Friedhof en Cuacos de Yuste (Cáceres) os alemáns e ao British Cemetery de Bilbao os británicos.

Un Short Sunderland Mk V (Wikimedia Commons)

Os sobreviventes do submarino foron trasladados a Viveiro, onde foron aloxados no Hotel Venecia, salvo tres feridos que permaneceron no Barqueiro. Entre seis e dez dos sobreviventes foron enviados clandestinamente a Alemaña, algúns vía Vigo e outros vía Madrid. O resto foi levado días despois a Ferrol para o seu internamento na base naval da Graña. Na cidade departamental atopáronse cos tripulantes do submarino U-760, internados alí desde setembro e cos dos petroleiros Nord Atlantic e Max Albrecht. Os alemáns mataban o tempo xogando ao fútbol ou paseando polas rúas de Ferrol, ante a desesperación da Kriegsmarine, necesitada de persoal para os seus submarinos.

No verán de 1944 a mariña alemá decidiu que polo menos un dos seus comandantes debía volver á fronte. O elixido foi Wolf ao ser o máis novo. Para sacalo do país sen que a intelixencia aliada se decatase, Wolf foi trasladado en novembro de 1944 a un hospital en Madrid cunha oportuna doenza pulmonar, onde “faleceu” días despois. Ao mesmo tempo, baixo a falsa identidade de Erich Wever, o capitán do U-966 viaxaba nun voo comercial de Lufthansa destino Alemaña.

Estación Naval da Graña (Ferrol)

Ascendido a Kapitänleutnant o 1 de xaneiro de 1945, Wolf nunca capitaneou un novo sumerxible, senón que tomou o mando dunha compañía de infantería de mariña na defensa de Hamburgo ata a caída da cidade ante as tropas británicas en maio. Tras a guerra, Wolf casou e tivo dous fillos. Acompañado da súa familia fixo da visita vacacional ao Barqueiro unha tradición, tanto que un dos seus fillos acabou casándose cunha moza local. Os restos do submarino aínda eran visibles en marea baixa, ata que nos anos sesenta decidiuse despezalo case completamente.

A última vontade de Wolf tras falecer en marzo de 1978 foi que as súas cinzas fosen esparexidas na costa de Estaca de Bares, preto do destino final do U-966. A localización exacta do pecio do submarino permaneceu oculta durante máis de 50 anos, ata que en xuño de 2018 dous mergulladores afeccionados de Viveiro e un arqueólogo e investigador de Pontevedra, tras oito anos tratando de localizar o pecio, achárono a uns 25 metros de profundidade preto de Punta Maeda. Tras dar parte ás autoridades decidiron manter oculta a localización exacta dos restos do U-966.

 

Salir de la versión móvil