O 2 de novembro de 1892 un dos acorazados máis modernos da Royal Navy británica, o HMS Howe, embarrancou na ría de Ferrol fronte á punta do Bispón. O que tiña que ser unha visita de cortesía dunhas horas ó porto ferrolán da frota do Channel Squadron inglés terminou nunha operación de rescate do Howe de cinco meses de duración e a súa posterior reparación no maior dique seco do mundo na época, o dique da Campá do Arsenal de Ferrol.
A guerra naval cambiou para sempre na Batalla de Sinope de 1853. A devastación causada polos obuses explosivos da armada rusa á frota de buques de madeira otomanos levou ao desenvolvemento dos buques blindados (ironclads en inglés). A carreira armamentística levou a que tan só nove anos despois todas as armadas europeas contasen con buques blindados na súa frota, con tres características principais que unían todos os deseños: un casco forrado por planchas de ferro ou aceiro, propulsión a vapor (auxiliada por velas) e armados con canóns capaces de disparar obuses explosivos.
Nesta carreira, a clase Admiral inglesa foi a resposta ós acorazados franceses das clases Terrible, Hoche e Marceau, pero a falta de recursos económicos e o lento desenvolvemento da batería principal lastraron o proxecto e aínda que a quilla do primeiro buque da clase, o Collingwood, foi posta en xullo de 1880, o buque tardou sete anos en entrar en servizo. Así, para cando o Howe foi posto en servizo o 18 de xullo de 1889, aínda que era un dos acorazados máis modernos da frota inglesa, os avances tecnolóxicos nas máquinas de vapor, na blindaxe de aceiro ao níquel e nos canóns de tiro rápido xa o deixaban obsoleto.
Cunha eslora de 99,1 metros e unha manga de 20,7 metros, o Howe desprazaba 10.500 toneladas. O buque estaba propulsado por tres máquinas de vapor que xeraban uns 7.500 cabalos de potencia (5.600 kW) grazas ó vapor producido por unha ducia de caldeiras. As máquinas de vapor accionaban tres hélices que desprazaban ó Howe a unha velocidade máxima de 16 nós e a súa autonomía chegaba ás 7.200 millas náuticas a unha velocidade de cruceiro de 10 nós. Como armamento principal o Howe montaba catro canóns de 13,5” que disparaban proxectís de 567 kg capaces de perforar 686 mm de ferro a case un quilómetro de distancia. Os canóns estaban colocados en dúas baterías, unha a proa e outra a popa da ponte, sen ningunha blindaxe de protección.
Un ano despois da súa entrada en servizo, en maio de 1890 o HMS Howe pasou a formar parte do Channel Squadron, a frota de buques de guerra británicos encargados de defender as augas da Canle da Mancha. Frota que en outubro de 1892 atopábase ao mando do Vicealmirante Fairfax nun cruceiro pola costa española e portuguesa que os levou a fondear na ría da Coruña o 2 de novembro. Con permiso para visitar portos á súa discreción, Fairfax decidiu facer unha visita á veciña Ferrol ca intención de presentar os seus respectos ó Capitán Xeral da praza.
Ás 10.00 da mañá co acorazado Royal Sovereign á cabeza seguido dos tamén acorazados Anson, Howe, Rodney e o cruceiro Bellona, deixaron atrás A Coruña e dispuxéronse a entrar na ría ferrolá. A partir dese momento, unha serie de malas decisións e catastróficas desdichas acabaron co casco do Howe atravesado polo Baixo Pereiro. Naquela época, a soberbia británica facía que non admitisen prácticos a bordo dos seus buques de guerra, fiándose exclusivamente nas cartas de navegación para decidir as derrotas. Ademais, dende 1789 o Derrotero de Tofiño recomendaba para entrar en Ferrol recibir a corrente de proa, é dicir, entrar na ría mentres baixa a marea, pero mentres a frota achegábase á Cidade Departmental, a marea estaba a subir, o que facía que entrasen xusto ao contrario, coa corrente de popa. Todo isto levou a que a frota achegásese en demasía á beira norte da ría, e aínda que o Royal Sovereign á fronte do escuadrón puido librarse do baixo a pesar de rozalo, non ocorreu o mesmo co segundo buque da formación, o Howe, que acabou embarrancando tras chocar co Baixo Pereiro, o que ocasionoulle unha importante vía de auga e a seu posterior varada fronte á punta do Bispón.
Para non recoñecer a súa incapacidade, os británicos achacaron o accidente a un erro nas cartas de navegación ferrolás e tanto o Comandante do buque como o Almirante da frota foron absoltos en senllos Consellos de Guerra. A recuperación do Howe foi encargada a unha compañía de salvamento norueguesa, que tras alixeirar o buque todo o posible, incluíndo a retirada das súas catro pezas de artillería, dinamitar a roca que se coou no seu interior e reconstruír o casco con madeira, achicou os compartimentos asolagados o que permitiu o reflotamento do barco. O 30 de marzo de 1893, case seis meses despois do accidente, o Howe foi remolcado polo HMS Seahorse cara ó dique da Campá do Arsenal de Ferrol para a súa reparación.
O dique de San Julián, máis coñecido como dique da Campá, fora inaugurado tan só trece anos antes. O proxecto da súa construción, un encargo do almirantazgo para ampliar a capacidade do Arsenal ferrolán, comezou como un dique de mareas e recaeu sobre Andrés Avelino Comerma i Batalla. Nado en Valls (Tarragona) o 9 de xullo do ano 1842, Andrés Comerma estudara Enxeñería de Camiños en Madrid antes de aprobar en 1863 á idade de 21 anos o exame de ingreso na Escola de Enxeñeiros da Armada de Ferrol. Tras graduarse e alcanzar o grado de Alférez de Navío, Comerma comezou a traballar nos estaleiros ferroláns como encargado de construción naval.
Comerma aínda non se convertera no home de cultura e ciencias capaz de falar oito idiomas, responsable de introducir en Galicia o telégrafo, o fonógrafo ou o primeiro aparello de raios X ou de deseñar o ambicioso túnel que conectaría España e o norte de África por tren, pero mentres analizaba a viabilidade de construír o novo dique descubriu que a terra da zona elixida para o seu emprazamento era de lousa arxilosa, completamente impermeable. Grazas a isto o proxecto pasou dun dique de mareas a converterse na maior obra hidráulica en España ata a data: cos seus 145 metros de longo, 27 metros de ancho e 12 metros de profundidade o novo dique proxectado sería o maior dique seco do mundo.
O proxecto presentouse en 1868, e trala súa aprobación o 1 de maio de 1869 os traballos comezaron o 6 de agosto de 1874 cun orzamento de 5 millóns de pesetas da época. Construído en cantería, o dique é unha gran bóveda invertida, e durante os cinco anos que durou a súa construción empregáronse máis de 1.200 persoas e desprazáronse máis de 245.000 metros cúbicos de terra cun peso de 174.000 toneladas, case todas elas por unhas 200 mulleres que retiraron a terra e as pedras en grandes cestos sobre as súas cabezas, cargados cuns 15 quilos de peso. As mulleres eran preferidas ós homes pola súa forza, a súa pericia e a súa responsabilidade, xa que esta tarefa non lles era estraña. Moitas delas pertencían ao gremio das descargadoras do porto, que se encargaban de trasladar as mercadorías desde os barcos ata a beira do mar, meténdose na auga e cargando sobre as súas costas todo tipo de cargas, incluíndo pasaxeiros.
As duras condicións do seu traballo leváronas a fundar en 1909 o sindicato de clase Sociedade de Cargadoras e Descargadoras do Peirao de Ferrol, A Unión Feminina, cuxo fin era “mellorar as condicións das súas afiliadas e axudar sempre que sexa posible ás demais Sociedades constituídas con igual fin”, no cal se esixía unha idade mínima de 15 anos para entrar (rexeitando o traballo infantil) e unha máxima de 60, e o pago dunha cuota da que estaban exentas aquelas que non puidesen traballar por enfermidade. Ademais, o sindicato esixía que ninguén traballase “por un xornal menor que o establecido pola sociedade”, o que significaba a expulsión do mesmo en caso de incumprilo.
O dique de San Julián foi inaugurado o 19 de agosto de 1879 coa varada da fragata Victoria. O seu nome oficial pronto foi substituído polo popular de dique da Campá, debido á campá do Arsenal que marcaba as horas de traballo, que aínda se conserva na Porta do Dique que dá acceso ó Arsenal, moi preto do propio dique. Grazas a dúas bombas principais e dúas de esgotamento, todas elas de vapor, podía achicarse en tan só catro horas e media, mentres que un enxeñoso barco porta encargábase de pechar a súa entrada.
O Howe foi no seu día o buque máis grande en ser reparado no dique da Campá, un dos máis de 2.500 que o fixeron desde a súa inauguración. Tras acometer os traballos necesarios para poder navegar ata Inglaterra, o buque foi trasladado ao estaleiro de Chatham para completar as súas reparacións. En outubro de 1893 o Howe foi transferido á frota do Mediterráneo británica, onde permaneceu ata decembro de 1896, momento en que se converteu no buque gardián do porto de Queenstown (hoxe en día Cobh) en Irlanda ata ser substituído nesta labor polo HMS Empress of India en outubro de 1901. Asignado á frota de reserva e posto fóra de servizo en setembro de 1904, o Howe foi vendido en 1910 como chatarra para ser despezado en Briton Ferry (Gales) en xaneiro de 1912.