Cando un obelisco exipcio acabou por accidente en Ferrol

Travesía do "Cleopatra" dende Alexandría ata Ferrol

Londres, como calquera outra capital colonial que se prece, tamén ten o seu pedaciño de Exipto. Este atópase na ribeira do Támesis, nun lugar chamado Vitoria Embankment, en Westminster, e trátase da Agulla de Cleopatra, un obelisco de granito de 21 metros de alto e máis de 200 toneladas de peso, cunha antigüidade de máis de 3.500 anos. Pero antes de chegar á capital británica o obelisco fixo unha parada de emerxencia na nosa cidade, na que estivo a piques de quedar debido á disputa do seu rescate tras case afundir no Atlántico.

En 1798, durante “A Batalla do Nilo“, a frota do almirante Nelson derrotou aos barcos de Napoleón. Como agasallo, o vicerrei de Exipto ofreceu aos ingleses a Agulla de Cleopatra, un obelisco de granito que permanecera semienterrado dous mil anos nas areas de Exipto. Durante outros 70 anos, o monumento permaneceu en Alexandría xa que o goberno británico non dispuña dos fondos para o seu transporte, ata que no ano 1877, Sir William James Erasmus Wilson, profesor de dermatoloxía no Royal College of Surgeons e exiptólogo afeccionado, decidiu correr con todos os gastos do transporte do obelisco, e pagar do seu peto as 10.000 libras necesarias para elo. O problema agora era atopar unha embarcación axeitada para realizar o traslado.

O enxeñeiro civil John Dixon, xunto ao seu irmán Wainman, foron os elixidos por Wilson para o deseño do buque. Co asesoramento do enxeñeiro Benjamin Baker, idearon unha estrutura cilíndrica de ferro que envolvería o obelisco. As dez seccións que formaban o cilindro (cunhas quillas verticais nos extremos como proa e popa, e corpos cilíndricos para a zona central da embarcación), colocáronse ao redor do obelisco no lugar da escavación. Unha vez “empaquetado”, o cilindro trasladouse rodando sobre si mesmo ata unha praia próxima, desde onde se deslizou ata as augas do Nilo.

 

Construíndo o “Cleopatra” ao redor do obelisco

Por un momento pareceu que o cilindro non ía saír á boia xa que quedou enganchado nunha rocha do fondo do río, pero unha vez liberado e reparado estaba listo para ser terminado. Instalóuselle un leme, dúas quillas de balance, un mastro para as veas e unha caseta para a tripulación, e desta maneira tomou as formas características dun buque, sendo bautizado como Cleopatra, baixo o mando do capitán Carter.

O 21 de setembro de 1877 o Olga, un vapor de 1.350 toneladas da Johnson Line, ao mando do capitán Booth, partía de Alexandría remolcando ao Cleopatra mediante un cable de aceiro de 400 metros de lonxitude por 10 cm de diámetro, nunha viaxe que o levaría polo Mar Mediterráneo ata o Estreito de Xibraltar, remontando a costa portuguesa ata o Cabo Fisterra.

As condicións meteorolóxicas da viaxe foron benignas ata o 14 de outubro, día no que unha forte tormenta causou danos no Cleopatra que facían pensar no seu afundimento, ao acabar esnaquizada a superestructura e ser o lastre desprazado polos golpes das ondas, producíndose escoras no buque de ata 50 graos. Despois dun intento de rescatar á tripulación, que acabou coa morte de seis tripulantes do Olga, o buque foi abandonado e o cable que o remolcaba cortado.

O Cleopatra e o Anglia deixando Ferrol | A prensa da época fíxose eco do acontecemento

O Cleopatra foi desta maneira dado por perdido e supúxose o seu afundimento. Pero catro días máis tarde, o vapor mercante inglés Fitzmaurice que se dirixía a Valencia atopou o Cleopatra á deriva 90 millas ao nordés do porto de Ferrol, máis ou menos o mesmo lugar onde fora abandonado polo Olga. Ao ter acougado o temporal, a tripulación do Fitzmaurice foi capaz de amarrar un cabo ao Cleopatra e remolcalo ata os peiraos da nosa cidade.

Despois de discutir duramente polos dereitos do obelisco durante varios meses (o patrón do Fitzmaurice considerábao os restos dun naufraxio e, por tanto, seu) e dunha suma considerable de diñeiro, o Cleopatra abandonou Ferrol o 16 de Xaneiro de 1878, remolcado polo Anglia, o remolcador máis potente dos peiraos de Londres. Finalmente, en agosto de 1878, a Agulla de Cleopatra foi erixida no lugar no que descansa hoxe en día, existindo unha placa na súa base que homenaxea ao seis mariñeiros do Olga falecidos. Pola súa banda, o Cleopatra, unha vez cumprido o seu obxectivo, foi despezado.

 

A agulla de Cleopatra en Londres, na actualidade

 

Salir de la versión móvil