A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras é un referente na sanidade pública coa posta en marcha dun manual de boas prácticas destinado á atención das persoas trans. A iniciativa naceu da demanda dos profesionais sanitarios, que reclamaban ferramentas para poder responder adecuadamente ás necesidades deste colectivo tanto en consultas como en ingresos hospitalarios.

Este documento pretende unificar criterios e facilitar unha atención baseada no respecto á identidade de cada persoa, asegurando asistencias seguras e adaptadas á diversidade de xénero, comunicación inclusiva, protección da intimidade das persoas usuarias e pautas para evitar situacións de discriminación. Ademais, o documento subliña que as derivacións a servizos de psicoloxía e psiquiatría deben realizarse só cando exista unha demanda expresa da persoa usuaria e non polo feito de ser unha persoa trans. A guía está dirixida tanto ao persoal sanitario como aos profesionais que manteñen contacto con estas persoas na área sanitaria.
A elaboración do manual prolongouse durante máis de dous anos e participaron especialistas de diferentes ámbitos, representantes de asociacións e persoas pertencentes ao colectivo trans. Entre os colaboradores atópanse profesionais de endocrinoloxía, traballo social, humanización e integrantes de entidades como Apoio Positivo Ourense e Euforia Familia Trans Aliadas.

Para facilitar a súa implantación, a Área Sanitaria de Ourense xa iniciou accións formativas dirixidas aos profesionais. Nestas sesións abordan cuestións relacionadas coa realidade as persoas trans, os dereitos dos e das pacientes, a comunicación respectuosa e os aspectos legais vinculados á atención sanitaria, co fin de mellorar a experiencia asistencial.
Os responsables da iniciativa consideran que este avance contribúe a trasladar ao ámbito asistencial principios de igualdade, non discriminación e respecto á autonomía das persoas. Ourense sitúase á vangarda das iniciativas sanitarias en Galicia, apostando por unha atención máis inclusiva e adaptada ás necesidades dunhda sociedade cada vez máis diversa.
