Raquel Lema, presidenta do Comité Intercentros da CRTVG, e o xornalista Alfonso Hermida participaron no centro cívico de Canido, en Ferrol, nunha nova sesión do ciclo Cóntamo Ti. Durante o encontro, explicaron á veciñanza a situación que se vive nos medios públicos galegos, marcados, segundo denunciaron, pola manipulación informativa e o control político. Ambos profundaron nos sete anos de mobilizacións de Defende a Galega e advertiron do impacto da nova lei impulsada pola Xunta, que, segundo aseguran, afondará aínda máis na falta de independencia e pluralidade da CRTVG.
Lema, que leva sete anos á fronte das mobilizacións de Defende a Galega, subliñou que a nova lei impulsada pola Xunta supón unha ameaza sen precedentes para a liberdade informativa e que, sen un cambio político, a canle pública dificilmente poderá recuperar o seu papel como medio público ao servizo da cidadanía.
— Aínda que xa levades sete anos de protestas, moita xente pode que aínda non saiba que é o movemento Defende a Galega.
— Defende a Galega naceu despois de anos acumulando xenreira e frustración polo que pasaba nos centros e medios públicos. A nosa loita céntrase en denunciar e combater a manipulación informativa nos medios públicos galegos. Un grupo significativo de traballadores e traballadoras decidiu dar un paso adiante e posicionarse. Non todo o persoal, pero si unha parte importante, comezou a manifestarse cada venres, vestindo camisetas co lema «Defende a Galega». Inspirámonos tamén no movemento de Radio Televisión Española, pero adaptámolo á nosa realidade. Defende a Galega é un movemento que vai máis alá da representación sindical. Supera o marco sindical porque é moito máis plural e non conta con portavoces nin caras visibles. Isto é fundamental, porque queremos un movemento horizontal, sen xerarquías nin protagonismos individuais.
— Dende cando existe este problema de inxerencia política nos contidos informativos de radio e da televisión pública?
— Este problema creo que existe dende que naceu a CRTVG. Pero é certo que desde o ano 2009, tras o remate do goberno bipartito e coa chegada do primeiro goberno de Feijóo, houbo un endurecemento do que chamamos prácticas de manipulación informativa. Isto implica un control da liña editorial que non obedece a criterios xornalísticos ou profesionais, senón a consignas impostas dende San Caetano, onde está o goberno da Xunta. A escaleta informativa diaria márcase desde alí, priorizando temas segundo intereses políticos e partidarios.
Antes de Defende a Galega houbo intentos de protesta, pero eran moi difíciles. Había medo, medo a perder o traballo, a condicións laborais, a que che negasen vacacións ou asuntos propios. Ese medo estivo normalizado durante anos. Pero houbo un punto de inflexión: o escándalo de Bárcenas en 2011. Lembro perfectamente cando a Televisión de Galicia ocultou deliberadamente a portada de «El País» coas anotacións manuais do caso. Non se emitiu en ningún dos informativos dese día. Aquel feito marcou un antes e un despois.
Tras ese episodio, xurdiu o movemento «Eu non manipulo». Foi un grupo de xornalistas que traballaron na sombra durante tres anos. Documentamos máis de 800 exemplos de manipulación informativa e creamos un blog público para que a xente puidese entender o que estaba a pasar. Este movemento foi o precedente directo de Defende a Galega. Serviu para que tanto o público como o persoal interno tomasen conciencia da manipulación informativa e da súa gravidade.
— E como afectou isto á canle, que durante moitos anos foi un medio de referencia para todos os galegos?
— A credibilidade da CRTVG viuse moi afectada. Grandes profesionais como Alfonso Armida, Tati Moyano ou Marga Pazos apartáronse dos informativos por seren condenados ao ostracismo ou por seren relegados a tarefas sen relevancia. A xente comezou a decatarse das manipulacións e isto xerou un proceso lento pero constante de desafección cara aos informativos. Moitos espectadores deixaron de confiar no medio, ao percibir que a información que recibían estaba condicionada por intereses políticos. A desconexión entre o que se emite e o que a sociedade espera provoca que moitos espectadores busquen alternativas informativas, minando así a relevancia social da CRTVG.

— Cales son os exemplos máis paradigmáticos destas manipulacións?
— A manipulación é moi burda. Un dos máis evidentes é o tratamento desigual da información segundo a cor política dos gobernos locais. Cando se informa sobre vilas e cidades gobernadas polo Partido Popular, as novas presentan unha visión positiva, todo é magnífico. Pola contra, cando se trata de concellos administrados por partidos da oposición, a información adoita centrarse en problemas sociais como drogadicción, inseguridade ou conflitos veciñais. As pezas sobre as ratas en Pontevedra saen cada pouco tempo.
Tamén se observan manipulacións sutís a través da orde e a duración das noticias nos informativos. Aquelas que afectan negativamente a partidos próximos ao poder aparecen relegadas a posicións secundarias, con menos tempo de cobertura e sen profundidade no tratamento. Pola contra, as novas favorables reciben un tratamento prioritario e extenso.
— Parece que o panorama non mudou a pesar de sete anos de protestas e máis de 300 venres negros.
— Levar sete anos de mobilizacións continuas non é nada fácil. Máis de 350 «venres negros», semana tras semana. O principal logro foi visibilizar o problema e conseguir que a cidadanía tomase conciencia. Grazas ao traballo do Comité Intercentros, levamos as nosas reivindicacións ao Parlamento de Galicia, ao Parlamento Europeo e mesmo ao Congreso. Porén, é moi difícil lograr unha repercusión mediática real debido ao control político e económico que se exerce sobre os medios galegos.
— Estase ocultando nos medios as vosas reivindicacións?
— A ocultación das nosas reivindicacións nos medios de comunicación é, sen dúbida, un dos grandes problemas aos que nos enfrontamos. Podemos dicir con total claridade que si, que se están ocultando. Ao longo destes sete anos de mobilizacións continuas, detectamos que os grandes xornais galegos e as principais cadeas de televisión da comunidade apenas lle deron visibilidade ao movemento Defende a Galega. Isto foi especialmente evidente en momentos clave, como cando recibimos recoñecementos a nivel nacional e europeo e, sorprendentemente, esas informacións desapareceron case por completo da cobertura.
Mesmo temos constancia de tentativas de cobertura nalgúns medios que foron censuradas ou minimizadas. Noutros casos, referencias ao noso movemento foron eliminadas de pezas informativas pouco antes da súa emisión. Esta estratexia de invisibilización non é casual; responde a un control informativo moi ben articulado, que busca evitar que a cidadanía tome plena conciencia do que ocorre nos medios públicos. Pero o máis grave foi o silencio da Facultade de Xornalismo de Santiago de Compostela. Temos unha facultade a poucos quilómetros da sede principal da CRTVG e nunca se pronunciaron nin analizaron o que estaba a pasar. É unha mostra máis de que o sistema mediático galego tamén está contaminado.
— Como afecta ao día a día dos profesionais da corporación da CRTVG?
— O día a día dos profesionais da CRTVG vese profundamente afectado pola situación de control e represión que vivimos. Traballar nun ambiente no que a manipulación informativa está institucionalizada crea unha atmosfera tóxica e desmotivadora. Moitos compañeiros e compañeiras experimentan un alto nivel de estrés e ansiedade debido á constante presión para axustarse á liña editorial imposta. Isto tradúcese nun índice de absentismo laboral moi elevado, principalmente por causas relacionadas cun síndrome reactivo ansioso derivado dun entorno laboral insostible.
Moitos xornalistas que decidiron visibilizar a súa postura crítica foron apartados das súas funcións principais. Hai casos de profesionais que deixaron de presentar programas ou de ter visibilidade pública tras participar nas mobilizacións. Esta marxinación profesional non é só unha forma de castigo, senón tamén unha advertencia ao resto do persoal. Unha vez que te significas, quedas marcado, sen proxección profesional e sen opcións reais de desenvolver a túa carreira.
— Atisbase algo de esperanza ou pola contra vedes o futuro da TVG tan negro coma as vosas camisolas?
— Sinceramente, sen un cambio de goberno, véxoo bastante complicado. O PP de Rueda está facendo todo para endurecer a lei que regula a CRTVG e deixar o medio público convertido nun altofalante do partido. Unha das cousas máis preocupantes é que queren reducir a maioría necesaria para elixir a dirección da CRTVG, o que lles permitiría poñer a quen quixeran sen ter que pactar con ninguén. Isto, ao final, é un paso atrás enorme para ter un medio plural e independente, porque quedaría nas mans dun único partido.
Tamén se permitirá externalizar máis contidos, o que abre a porta a que empresas próximas ao goberno se leven contratos públicos e que a televisión pública a fagan empresas privadas. E todos sabemos o que iso significa: favorecer aos de sempre e pechar o círculo. Se non hai un cambio político, non lle vexo solución. Todo apunta a que seguirán co control total e a CRTVG deixará de ser un verdadeiro servizo público. De todos modos, nós seguiremos loitando para que a televisión e a radio públicas sexan o que deben ser: un espazo de todos e para todos, non un instrumento ao servizo dun partido.