A Real Academia Galega (RAG) acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2026 á xornalista e escritora Begoña Caamaño (Vigo, 1964–Santiago de Compostela, 2014). A decisión foi tomada este venres durante a sesión ordinaria do pleno da institución e anunciada polo presidente da RAG, Henrique Monteagudo, en rolda de prensa.
O vindeiro 17 de maio renderase tributo a Caamaño, quen iniciou a súa carreira literaria xa na madurez, aos 45 anos, coa novela ‘Circe ou o pracer do azul’ (2009). Tres anos despois publicou ‘Morgana en Esmelle’ (2012), obra que viu a luz pouco antes de que lle diagnosticaran un cancro que lle custaría a vida ao pouco de cumprir os 50 anos.
No eido do xornalismo, Caamaño comezou en Radio Noroeste e Radio Popular, e desde 1989 formou parte do equipo de Radio Galega, desenvolvendo un labor comprometido coa lingua e co xornalismo crítico.
Henrique Monteagudo salientou a relevancia da súa traxectoria profesional e creativa, destacando «a súa defensa dun xornalismo independente e a calidade dunha obra literaria madura e valente». A proposta de dedicarlle o Día das Letras foi aprobada por maioría absoluta na primeira votación. O segundo nome máis apoiado foi o de Miguel González Garcés.
Ana Romaní, portavoz do grupo de académicas e académicos que presentaron a candidatura de Caamaño, subliñou a importancia da súa figura, que permite achegarse tanto á ficción como ao xornalismo desde perspectivas diferentes. «Para ela, tanto a literatura como o xornalismo eran ferramentas para o coñecemento e a reflexión», explicou, poñendo en valor o seu pensamento crítico.
As persoas intervinientes coincidiron en destacar a singularidade da autora no panorama literario galego, así como a enorme calidade da súa obra, que se fixo notar desde o primeiro momento.