O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de presentar «Otero Pedrayo, unha conversa contigo», un chatbot conversacional co que, a través da intelixencia artificial, os usuarios poden conversar co escritor Ramón Otero Pedrayo (1888 – 1976) e coñecer desta maneira máis da súa vida e obra.
Tal e como apuntaron na presentación, a ferramenta non inventa o que diría Otero sen sentido, senón que constrúe cada resposta segundo un corpus documental da súa obra facilitado pola Editorial Galaxia e dirixido por Marcos Calveiro. Esta iniciativa trátase «dun paso máis da aposta da institución por un uso ético da IA, ademais dun proxecto de país», tal e como indicou a presidenta do CCG.
O coordinador de proxectos dixitais do CCG, Manuel Gago, explicou que o proxecto, incluido dentro do Ano Oteriano 2026, funciona a través dunha arquitectura de recuperación aumentada (RAG, Retrieval-Augmented Generation) que é programada para ser fiel aos pasaxes reais do autor.
A través da plataforma, un pode preguntar o que queira ao autor sobre a súa vida, obra ou outras curiosidades, e o sistema, entre as máis de catorce mil pasaxes do corpus, entrega o material ao usuario indicando se é algo que o mesmo Otero dixo ou se é algo que outros escribiron sobre el, de maneira que nunca se atribúen afirmacións alleas ao autor. Doutra banda, o chat conta cun mapa onde podes coñecer a porcentaxe que coñeces do escritor segundo diferentes categorías.

E isto non é só unha ferramenta para maiores, pois a sistema permite o modo infantil cambiando a interface e as respostas, tratando de achegar aos máis pequenos ao escritor galego, tanto para despertar a súa intriga como para aprender de maneira máis sinxela e atractiva.
Un extenso corpus
«Otero Pedrayo, unha conversa contigo» conta cun aparato bibliográfico de 907 referencias — 623 de autoría de Otero (273 artigos de revista, 240 monografías, 56 prólogos e epílogos, 46 capítulos, ademais de traducción e direccións de tese) e 284 estudos sobre a súa figura, dende 1921 ata 2025, procesados a partir das fontes documentais da Fundación Penzol.
Ademais, conta con 79 obras integradas (28 propias, 14 estudos e 37 de contexto), entre as que se atopan títulos como Arredor de si, Os camiños da vida, Guía de Galicia, Ensayo histórico sobre la cultura gallega, A romaría de Xelmírez ou O libro dos amigos, xunto con epistolarios completos e volumes recentes.

