Hai catro meses o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba unha enquisa sobre a situación da lingua galega que debuxaba un panorama que moitos cualificaron de “emerxencia lingüística”. Días despois da publicación deste estudo, baseado en entrevistas en máis de 9.000 fogares, a Xunta de Galicia encargou unha enquisa privada con 1.200 entrevistas que vén de ver a luz e que, baseándose en sensacións, contradí o IGE: nove de cada dez pais din que os seus fillos saben falar galego, polo que non hai problema.
O IGE, na súa enquisa sobre o uso do galego publicada en outubro, revelou datos preocupantes sobre a perda de falantes entre a poboación máis nova. Segundo este estudo, só o 16% dos nenos e adolescentes utilizan maioritariamente o galego, mentres que un 32,44% dos menores de entre cinco e catorce anos teñen un dominio moi baixo ou nulo do idioma. Estas cifras acenderon as alarmas entre lingüistas e académicos, que advertiron sobre un posible colapso do galego a medio prazo.
En contraste, a enquisa de Sondaxe, realizada a partir de 1.200 entrevistas e presentada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, debuxa un panorama moito máis optimista. Segundo este estudo, o 94,5% dos pais asegura que os seus fillos saben falar galego e o 67,5% afirma que o usan de forma habitual. Ademais, o 62,8% das familias móstrase satisfeita ou moi satisfeita coa presenza do galego no sistema educativo, mentres que o 55,2% considera que a súa ensinanza debería manterse nos niveis actuais.
Máis alá do estudo do IGE, outras institucións como a Real Academia Galega (RAG) ou o Consello da Cultura Galega tamén alertaron sobre o retroceso do uso do galego, especialmente entre as novas xeracións, e emitiron informes que corroboran con datos esta realidade.
Críticas á metodoloxía
Porén, os resultados da enquisa de Sondaxe, integrada na Corporación Voz de Galicia, aliñanse co discurso do Goberno da Xunta, que insiste en que “existe un alto grao de cordialidade entre ambas linguas”: o conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou na presentación do estudo que o 77% dos enquisados responde en galego cando se lles fala neste idioma e que o 83,7% fai o mesmo co castelán.
Ademais, a enquisa de Sondaxe foi criticada por centrarse na percepción subxectiva das familias, sen contar co análise de expertos en sociolingüística. Neste sentido, o filólogo Manuel González, coordinador do equipo que traballa na actualización do Plan de Normalización Lingüística, recoñeceu que “ter máis datos sempre é positivo”, pero advertiu que “as percepcións sociais deben contrastarse con outro tipo de información máis obxectiva”.
Neste contexto, no que os estudos oficiais advirten sobre unha crise no uso do galego mentres a Xunta parece buscar unha narrativa que minimice a gravidade do problema, falta por ver que impacto terán estas discrepancias na futura actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística.