Anne Carson, autora dun ensaio sobre o Camiño de Santiago, Premio Nobel de Literatura 2026

A escritora canadense publicou en 1983 un ensaio despois de percorrear a Ruta Xacobea dende Saint Jean Pied de Port ata Fisterra
Imagen portada 1920x1080

A escritora canadense, que xa recibira o Premio Princesa de Asturias das Letras en 2020, converteu a súa experiencia como peregrina en ‘Kinds of Water: An Essay on the Road to Compostela’, un ensaio poético traducido ao castelán como ‘Tipos de agua: El Camino de Santiago’ e ao galego como ‘A antropoloxía da auga’.

A escritora canadense Anne Carson foi distinguida este xoves co Premio Nobel de Literatura 2026, un recoñecemento á súa traxectoria literaria que tamén permite recuperar a súa estreita relación con Galicia a través do Camiño de Santiago. A autora percorreu a pé a ruta xacobea desde Saint Jean Pied de Port, en Francia, ata Fisterra, unha experiencia que transformou nun diario poético sobre a viaxe, a memoria e a introspección.

Carson, que xa recibira o Premio Princesa de Asturias das Letras en 2020, é autora de ‘Tipos de agua. El Camino de Santiago’, unha obra na que relata a súa peregrinación e reflexiona sobre o significado do percorrido. O ensaio publicouse en castelán en 2018 a través da editorial Vaso Roto e chegou ás librarías en galego en 2023 da man de Chan da Pólvora, baixo o título de ‘A antropoloxía da auga’, traducido por Jesús Castro Yáñez.

O xurado do Nobel recoñeceu a autora pola súa «obra audaz e innovadora» e pola súa capacidade para dialogar coa tradición clásica e crear novas formas para a literatura contemporánea.

De Francia a Fisterra: o Camiño de Santiago como viaxe interior

A peregrinación que inspirou o libro comezou o 20 de xuño de 1983 en Saint Jean Pied de Port e rematou o 26 de xullo en Fisterra. Durante esas semanas, Carson percorreu o Camiño de Santiago observando as paisaxes, a auga, as persoas e os pequenos acontecementos que acompañan a experiencia de camiñar.

A obra afástase dunha crónica convencional da ruta xacobea. A escritora emprega a experiencia do peregrino para construír un relato no que o desprazamento físico se converte tamén nun exercicio de introspección. O percorrido cara a Compostela serve para tomar distancia da propia vida e examinar cuestións relacionadas coa perda, a memoria e a identidade.

A decisión de emprender a viaxe estivo vinculada a unha pregunta que lle formulou o seu pai, que padecía alzhéimer: «Como vas ser capaz de ver a túa vida se non te afastas dela?». Esa reflexión acompañaría a autora durante unha peregrinación na que o Camiño se converte nunha ferramenta para observar a súa propia existencia desde outra perspectiva.

Carson tamén describiu a relación entre o peregrino e a ruta como unha historia de amor case perfecta. No seu relato, o Camiño aparece como unha presenza que conduce o viaxeiro cara a un destino, pero que tamén lle esixe avanzar e entregarse á experiencia.

A travesía non rematou en Santiago de Compostela, senón en Fisterra, o extremo occidental de Galicia, un lugar que reforza o sentido simbólico da viaxe e funciona como punto final do seu percorrido.

Unha autora vinculada a España desde hai máis de catro décadas

A relación de Anne Carson con España mantívose ao longo da súa carreira. A escritora lembrou aquela peregrinación cando recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras en 2020, nun discurso gravado no que evocou a súa experiencia atravesando o país a pé.

«Desde que atravessei España a pé en 1983, desde Francia ata Compostela, quedei marabillada coa cultura desa xente que non sorrí a menos que teña unha moi boa razón», afirmou daquela, cun comentario que reflectía o seu particular sentido do humor.

Aquel percorrido deixou unha pegada na súa obra e converteu o Camiño de Santiago nunha referencia destacada da súa relación coa cultura española. A publicación do ensaio en castelán e a súa posterior tradución ao galego ampliaron, ademais, a presenza da súa experiencia xacobea entre os lectores do Estado.

A chegada de ‘A antropoloxía da auga’ ás librarías galegas en 2023 permitiu achegar ao público galegofalante unha obra na que Galicia non é un simple escenario, senón o territorio no que culmina unha viaxe física e literaria.

Un Nobel para unha das voces máis singulares da literatura contemporánea

Nacida en Toronto en 1950, Anne Carson desenvolveu unha carreira na que combinou poesía, ensaio, tradución e docencia universitaria. Especialista en literatura clásica, a súa obra explora a relación entre as palabras, a etimoloxía e os significados que poden adquirir os textos ao longo do tempo.

Entre os seus traballos destacan as interpretacións de fragmentos da poeta grega Safo e as súas traducións de obras teatrais da tradición clásica, como ‘Electra’ e ‘Antígona’, de Sófocles, e ‘As bacantes’, de Eurípides.

O Nobel de Literatura recoñece así unha traxectoria marcada pola experimentación formal e polo diálogo entre a tradición antiga e a creación contemporánea. En Galicia, o galardón devolve tamén á actualidade unha das obras literarias que mellor reflicten a experiencia persoal dunha escritora internacional no Camiño de Santiago.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.