Aparecen os restos óseos dunha vítima do franquismo nunha fosa de Carral

Atopáronse no cementerio de Beira, onde o grupo da USC Histagra desenvolve unha campaña arqueolóxica ata o 17 de xullo
Fosa común franquismo Carral Histagra USC

A intervención arqueolóxica que se desenvolve desde este luns na contorna da igrexa de Beira, no municipio coruñés de Carral, permitiu localizar os primeiros restos óseos que poderían corresponder a unha das vítimas da represión franquista soterradas na zona en 1936.

O achado produciuse durante os traballos de escavación impulsados para localizar unha das fosas comúns documentadas en Beira. Segundo explican os responsables da investigación, os restos atopados coinciden inicialmente coa información recompilada no estudo histórico previo, aínda que será necesario realizar unha análise de antropoloxía forense e, posteriormente, un estudo xenético para confirmar a identidade da persoa.

A procura dunha das fosas da represión franquista

A campaña arqueolóxica, que se prolongará ata o vindeiro venres 17, constitúe unha primeira intervención destinada a determinar a localización exacta dunha das fosas relacionadas coa violencia exercida tras o golpe de Estado de 1936.

As investigacións históricas apuntan a que entre os meses de agosto e setembro dese ano foron enterradas en distintos puntos da contorna da igrexa de Beira, polo menos, 18 persoas vítimas da represión franquista.

Investigación coordinada pola USC

Os traballos forman parte do convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Deputación da Coruña para investigar distintas fosas da Guerra Civil e da ditadura na provincia. Ademais da actuación en Beira, o proxecto inclúe tamén os estudos das fosas de Serantes, en Ferrol, e de Boisaca, en Santiago de Compostela.

A investigación está dirixida por un equipo multidisciplinar da USC, coordinado cientificamente por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, do grupo Histagra (USC-CISPAC). A análise histórica corre a cargo dos investigadores Xurxo Antelo e Lucía Santiago, mentres que a dirección arqueolóxica corresponde a José Carlos Sánchez Pardo, do grupo AEVUM (USC-CISPAC), coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos nos traballos de campo.

Pola súa banda, a análise de antropoloxía forense está coordinada polo investigador Edgard Camarós, integrante do grupo GEPN-AAT.

O labor previo de documentación

No caso concreto de Beira, a investigación histórica previa foi elaborada por Xurxo Antelo coa colaboración da asociación Cultura Aberta de Carral, entidade que en 2023 promoveu a instalación dun monumento no cemiterio da parroquia para render homenaxe ás vítimas da represión franquista enterradas neste lugar. O recente achado supón un avance significativo nos traballos para localizar e identificar as persoas desaparecidas durante aquel período histórico.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.