A Consellería de Educación publicou este luns no diario Oficial de Galicia (DOG) o calendario do vindeiro curso escolar. Dará comezo o 9 de setembro de 2026 e rematará o 21 de xuño de 2027, coa excepción dos segundos cursos dos ciclos de Formación Profesional, que o farán o 15 de xuño.
A proposta xa fora presentada a inicios do mes de maio pola Xunta á Mesa Sectorial Docente. Segundo a etapa educativa, preséntanse diversas variacións. No caso das Ensinanzas de Réxime Especial, o inicio de curso poderá comezar ata o 16 de setembro, así como sucede co 4º curso de infantil, onde a adaptación progresiva é posible ata o 15 de setembro. No caso de 2º de Bacharelato o fin de curso será adaptado segundo a data da Proba de Acceso á Universidade (PAU). Este ano coincidiu co 2, 3 e 4 de xuño.
Neste curso, as probas de diagnóstico marcadas polo Goberno central a través da LOMLOE, terán lugar entre o 19 e o 23 de abril para 2º da ESO e entre o 26 e o 30 de abril para 4º de Primaria.
Días non lectivos e vacacións
Os días non lectivos e vacacións para o vindeiro curso 2026/2027 quedou organizado da seguinte maneira: Nadal, do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, ambos incluidos; o Entroido, os días 8, 9 e 10 de febreiro, e Semana Santa, do 22 ao 29 de marzo. Doutra banda, o día 7 de decembro (Día do Ensino) será día non lectivo, así como os festivos autonómicos, estatais e locais habituais.
