Así será PortAmérica 2026: tres días de música, vangarda culinaria e diversidade

Os días 9,10 e 11 de xullo en Portas (Pontevedra) chegan cunha nova edición que vai máis aló dos concertos
O PortAmérica na edición pasada | @PORTAMERICA
O PortAmérica na edición pasada | @PORTAMERICA

A conta atrás xa está en marcha. PortAmérica celebrará a súa décimo cuarta edición os días 9, 10 e 11 de xullo na Azucreira de Portas (Pontevedra) cunha proposta que volve ir máis alá do musical para consolidarse como unha experiencia completa onde conviven concertos de gran formato, alta cociña e programación cultural.

O cartel mantén a súa identidade transversal, combinando nomes masivos con propostas alternativas e internacionais. Ao longo das tres xornadas pasarán polo recinto artistas como Rigoberta Bandini, Dani Martín, Amaia ou Hombres G, xunto a sonoridades globais como Eliades Ochoa, Meridian Brothers ou Orkesta Mendoza.

A programación estrutúrase nun percorrido continuo que medra desde a tarde ata ben entrada a noite. O xoves 9 abrirá con Amoebo (18:30-19:15) e irá gañando intensidade ata chegar a un dos primeiros grandes picos coa actuación de Rigoberta Bandini (22:45-00:00), seguida de The Rapants (00:00-01:00) e Niña Polaca (01:00-02:00). Antes, deixarán o seu paso directo propostas como Marina Reche (20:30-21:30) ou Fillas de Cassandra (21:45-22:45).

Algúns dos artistas desta edición do PortAmérica

O venres 10 manterá ese ritmo cunha forte presenza galega, con nomes como Eladio y los Seres Queridos (18:15-19:15) ou Grande Amore (01:30-02:30), e concertos clave como Eliades Ochoa (20:30-21:45), M-Clan (22:00-23:00) e Hombres G (23:00-00:30).

O sábado 11 concentrará algúns dos momentos máis esperados, con Xoel López (20:30-21:30), Amaia (21:45-23:00) e Dani Martín (23:00-00:30) como eixes principais dunha xornada que se estenderá ata a madrugada con propostas internacionais e sesións finais.

ShowRocking: 68 tapas, 38 chefs e unha cociña aberta no corazón do festival

Se hai un elemento que define PortAmérica é o seu ShowRocking, que neste 2026 reforza o seu papel central cunha proposta de 68 tapas elaboradas por 38 chefs que suman 22 Estrelas Michelin, 2 Estrelas Verdes e 7 Bib Gourmand.

A diferenza doutros festivais, a gastronomía aquí non é un complemento, senón unha programación propia. A Azucreira convértese nunha gran cociña aberta onde chefs, público e música conviven nun mesmo espazo, permitindo ver en directo o proceso culinario e degustar pratos creados especificamente para o evento.

A actividade organízase en dous turnos diarios, de 19:30 a 21:30 horas e de 21:30 a 23:30 horas, coincidindo cos momentos de maior intensidade musical. Ademais, haberá un espazo específico de pastelería desde as 20:30 horas e intervencións sorpresa ao longo das xornadas.

Cada día terá unha identidade gastronómica propia. O xoves contará con nomes como Maca de Castro, Paula Gutiérrez, Eduard Xatruch ou Paco Roncero, mentres que no segundo turno se sumarán chefs como Viviana Varese ou Francis Paniego, co peche doce de Paco Torreblanca.

A gastronomía protagonista deste ano | PORTAMÉRICA

O venres destacará pola súa dimensión internacional, con figuras como Andoni Luis Aduriz, Ricard Camarena ou João Rodrigues, e unha segunda quenda con nomes como Iván Domínguez, Luis Veira ou Camila Ferraro, mentres que a pastelería correrá a cargo de Antonio Bachour.

O sábado pechará cunha combinación de cociña galega e latinoamericana, coa presenza de chefs como Yayo Daporta ou Óscar Vidal, nun percorrido que volve insistir na idea de intercambio cultural que define o festival.

Os menús incluirán información de alérxenos e opcións vexetarianas e veganas, mentres que a experiencia se completará con maridaxes específicos, con cervexas 1906 e propostas con Johnnie Walker Blue Label, integrando bebida e gastronomía como parte esencial do espectáculo.

Durante o día, esta zona convértese no epicentro do recinto, cun ambiente máis relaxado que permite vivir PortAmérica tamén como festival diúrno, algo diferencial dentro do panorama.

Cultura, inclusión e unha experiencia máis alá dos concertos

PortAmérica reforza tamén a súa dimensión cultural coa segunda edición de FNAC x PortAmérica, un espazo que volverá acoller encontros e presentacións con autores como Nacho Carretero, Manuel Jabois, Manel Loureiro, María Quiroga ou Carlos Sadness, integrando literatura, música e creación contemporánea.

En paralelo, o Escenario Azucreira consolidase como un espazo de participación e inclusión, con propostas como o grupo sénior da UNED, proxectos de Down Vigo ou talentos de Vigo Porté, ampliando o alcance social do evento.

O festival manterá ademais as súas medidas de accesibilidade, con plataformas adaptadas, interpretación en lingua de signos, mochilas vibratorias, sinalización accesible e espazos seguros, reforzando o seu compromiso cun evento aberto e diverso.

Con todo isto, PortAmérica consolida un modelo propio no que música, gastronomía e cultura funcionan como unha mesma experiencia. Durante tres días, a Azucreira de Portas transformarase nun espazo para escoitar, saborear e compartir, confirmando o festival como unha das citas imprescindibles do verán galego.

Un festival cada vez máis accesible

PortAmérica manterá e ampliará as súas medidas de accesibilidade, con plataformas adaptadas, rutas para persoas con mobilidade reducida, mochilas vibratorias e sistemas FM para persoas xordas, interpretación en lingua de signos, sinalización con pictogtramas, zonas de lactancia e espazos seguros contra as violencias machistas e a discriminación LGTBIQ+. Esta nova edición do festival preséntase como unha experiencia que vai máis aló dos concertos que vai converter a Azucreira de Portas nun dos grandes encontros do verán galego.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.