O secretario xeral do PSOE na provincia da Coruña, Bernardo Fernández, asegurou hoxe que “as pensións medias na nosa provincia pasaron desde o ano 2018 de 982 a 1.224 euros”, o que supón un incremento mensual medio de 242 euros. Fernández repasou en rolda de prensa o impacto da revalorización das pensións para o ano 2023 na provincia da Coruña, xunto ás deputadas Montserrat García, Natividad González Laso e Diego Taibo; os senadores Manuel Mirás Franqueira e Xoaquín Fernández Leiceaga, e María José Cebreiro, secretaria de Maiores e Pensionistas na executiva provincial. “Esta subida chega porque saiu adiante a proposta de revalorización socialista, en base ao IPC; de saír adiante a proposta defendida polo PP, o incremento sería só de 4 euros mensuais neste 2023”, afirmou o secretario xeral provincial.
“Estamos nun momento moi complexo para as familias e os pensionistas e temos un goberno sensible con esta situación social e coas persoas con máis necesidades”, apuntou Fernández, que lembrou “as complicacións deste mandato municipal, cunha pandemia, un conflicto en Ucraína e un contexto económico e social complexo” “A situación é cambiante e son necesarias máis medidas, polo que o goberno está a traballar nelas, como pasou coas pensións ou as medidas para os prezos da enerxía”, engadiu.
“Quero facer un exercicio de memoria, lembrando o que fai agora este goberno socialista e o que fixo un goberno do PP hai uns dez anos na anterior crise, deixando literalmente á xente na rúa”, manifestou Fernández. “Acádaronse fondos europeos e desde hai meses este goberno aplica numerosas medidas para facer fronte ao contexto social, un camiño que continuará nas próximas datas”, rematou o secretario xeral provincial.