Brión volverá converterse nun lenzo do Delas Fest coa intervención mural da artista Nana

A VIII edición do festival de arte urbana con perspectiva de xénero desenvolverá en Brión unha nova creación artística entre o 17 e o 23 de xullo, acompañada dun proceso participativo vencellado á memoria e ao territorio
La presentación de la edición 2022 del Delas Fest | 7H COOPERATIVA CULTURAL
Imaxe da presentación da edición 2022 do Delas Fest | 7H COOPERATIVA CULTURAL

O Concello de Brión volverá formar parte este verán do Delas Fest, o festival de arte urbana con perspectiva de xénero impulsado por 7H Cooperativa Cultural, que celebra a súa oitava edición nos concellos de Santiago de Compostela, Brión e Negreira. Entre o 17 e o 23 de xullo, a artista galega Nana realizará unha intervención mural na Piscina Municipal de Brión, situada nas instalacións de BeOne Fitness & Sport, en Pedrouzos.

Deste xeito, o Concello reafirma un ano máis o seu compromiso cunha iniciativa que achega a cultura ao espazo público e que incorpora unha nova obra artística ao patrimonio urbano do municipio.

Un proceso creativo que nace do territorio

O Delas Fest vai moito máis alá da creación dun mural. Cada intervención parte dun proceso previo de investigación e coñecemento do lugar no que se vai desenvolver. Antes de comezar a pintar, as artistas participan en encontros coa veciñanza, visitas e percorridos para descubrir a historia, a identidade e a memoria dos espazos que van transformar.

Este diálogo co territorio e coas persoas que o habitan permite que cada obra recolla elementos propios da contorna, converténdose nunha creación única e estreitamente ligada ao lugar no que se integra.

Catro intervencións murais en tres concellos

Nesta edición, o Delas Fest levará a cabo catro intervencións murais. Xunto á obra de Nana en Brión, as artistas mexicanas Janín Nuz e Yuda intervirán distintos espazos en Santiago de Compostela, mentres que Isa Bermúdez realizará o mural previsto en Negreira.

Cartel promocional do Delas Fest 2026 | Concello de Brión

As intervencións desenvolveranse entre o 13 e o 19 de xullo en Compostela, do 17 ao 23 de xullo en Brión e entre o 27 de xullo e o 2 de agosto en Negreira.

Máis actividades para fortalecer a rede feminista

Como novidade consolidada tras a edición anterior, o Delas Fest amplía tamén a súa programación de actividades contextuais, que inclúe encontros de anfitrioas, roteiros, visitas e charlas abertas á participación da cidadanía.

Con esta proposta, o festival continúa a tecer unha rede feminista de colaboración, visibilizando o traballo das artistas e poñendo en valor os coñecementos e as historias das mulleres que inspiran cada unha das intervencións.

O Delas Fest está organizado por 7H Cooperativa Cultural e conta co apoio da Deputación da Coruña e dos concellos de Santiago de Compostela, Brión e Negreira, ademais do patrocinio e colaboración de diversas entidades públicas e privadas.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.