A catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións Carmen García Mateo tomou posesión este xoves como nova reitora da Universidade de Vigo, converténdose na primeira muller en ocupar este cargo dende a creación da institución académica. O acto, celebrado nun salón de actos ateigado de público, estivo marcado pola emoción e simbolizou un novo fito para o sistema universitario galego.
Coa chegada de García Mateo á Reitoría da UVigo, e tras o recente nomeamento de Rosa Crujeiras á fronte da Universidade de Santiago de Compostela, as mulleres pasan a ocupar por primeira vez a maioría dos máximos cargos das universidades galegas.
Durante a cerimonia, o reitor saínte, Manuel Reigosa, fíxolle entrega do bastón e da medalla de mando, escenificando a transferencia institucional despois de nove anos á fronte da universidade. O acto concluíu coa actuación musical de Su Garrido.
Unha universidade «comprometida co progreso e a igualdade»
No seu primeiro discurso como reitora, García Mateo reivindicou o papel transformador da universidade pública e destacou a evolución social que permitiu que dúas mulleres lideren actualmente institucións universitarias galegas. A nova responsable da UVigo lembrou tamén os seus comezos como estudante de Enxeñaría na Universidade Politécnica de Madrid, nun contexto no que as mulleres eran unha minoría moi reducida.
A reitora defendeu unha universidade comprometida coa sociedade, capaz non só de formar e xerar coñecemento, senón tamén de contribuír ao desenvolvemento económico, á defensa dos valores democráticos e á construción dunha sociedade máis xusta. Neste sentido, subliñou que a diversidade dos tres campus da Universidade de Vigo constitúe unha das súas principais fortalezas.
Investigación, financiamento e proxección internacional, entre os retos
García Mateo incidiu igualmente na necesidade de que as universidades se impliquen na defensa da paz, dos dereitos humanos e da solidariedade internacional. Ademais, situou a investigación, a innovación e a captación de talento entre os grandes retos do seu mandato, apostando por reforzar a proxección internacional da institución.
Durante a súa intervención, a nova reitora solicitou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha maior aposta polas universidades galegas a través dun financiamento suficiente que permita continuar mellorando a calidade do sistema universitario.
Pola súa banda, Rueda comprometeu o apoio do Goberno galego á Universidade de Vigo e mostrouse disposto a avanzar no diálogo sobre cuestións como o mapa de titulacións, co obxectivo común de fortalecer a universidade pública galega.
Antes de rematar o acto, Manuel Reigosa fixo balance dos seus anos á fronte da institución, expresando o seu orgullo polo traballo desenvolvido e desexando á súa sucesora os maiores éxitos nesta nova etapa.
