A Fundación Marta Ortega Pérez (MOP) anunciou que a súa próxima gran exposición estará dedicada ao fotógrafo británico David Sims, unha das figuras máis influentes da fotografía contemporánea. A mostra, titulada The Hamster Becomes The Problem, poderá visitarse no Centro MOP do peirao de Batería da Coruña entre o 21 de novembro de 2026 e o 1 de maio de 2027.

A exposición ofrecerá unha ampla aproximación ao universo creativo de Sims a través dun percorrido que abrangue máis de tres décadas de traballo. Lonxe de presentar unha retrospectiva convencional, a proposta estruturase en distintos espazos, nos que o público poderá descubrir os temas, inquietudes e referencias que marcaron a evolución artística do fotógrafo británico.
Entre as revistas máis prestixiosas e grandes museos
Nacido en Sheffield en 1966, David Sims construíu unha carreira de referencia internacional que se desenvolveu tanto no ámbito editorial como no publicitario, colaborando con algunhas das principais revistas e firmas de moda do mundo. A súa obra forma parte das coleccións de institucións de prestixio internacional como o Victoria and Albert Museum de Londres, o Los Angeles County Museum of Art (LACMA) ou a rede de museos Tate.

A aposta da Fundación MOP pola fotografía internacional
Segundo a Fundación MOP, a exposición prestará especial atención á maneira na que David Sims soubo interpretar as transformacións da cultura visual contemporánea a partir da irrupción das tecnoloxías dixitais a finais dos noventa. A mostra explorará cuestións como a identidade, a beleza, a cultura xuvenil e a evolución da imaxe na sociedade.
Marta Ortega, presidenta da Fundación MOP, continúa reforzando a súa aposta por achegar á Coruña a obra de algúns dos fotógrafos máis destacados do panorama internacional con esta nova proposta, consolidando o peirao de Batería como un dos grandes espazos expositivos dedicados á fotografía en España.

