Un cartel colocado no Rexistro de Ourense xerou controversia despois de que un usuario nas redes sociais compartise unha fotografía do aviso, acompañándoa dunha crítica na que consideraba que a mensaxe podía resultar discriminatoria. A publicación acadou centos de miles de visualizacións en poucas horas e provocou unha ampla discusión entre usuarios con opinións moi diferentes.
No cartel ofrecíanse recomendacións sobre o vocabulario empregado habitualmente polas persoas que acoden ao rexistro para realizar xestións administrativas. Entre outras indicacións, animábase a utilizar a terminoloxía oficial dos trámites e a dirixirse ao persoal como «señor» ou «señora funcionaria» en lugar de expresións máis coloquiais.

A difusión da imaxe prodúcese nun contexto especialmente sensible, xa que nestas semanas o Rexistro de Ourense está a recibir un importante número de usuarios vinculados aos procedementos de regulizarización de persoas estranxeiras. Precisamente por esta coincidencia temporal, algúns interpretaron que o aviso estaba dirixido á poboación migrante.
O cartel xa foi retirado das dependencias do rexistro pero o episodio continuou xerando comentarios e análises en redes sociais, converténdose nun dos asuntos máis comentados en Ourense. Mais alá do propio cartel, a controversia reabriu o debate sobre a atención ao público nos servizos adminsitrativos, a integración das persoas migrantes e a necesidade de evitar mensaxes que poidan dar lugar a interpretacións contraditorias.
