O metal tamén se fai en galego. E así o demostra día a día Dioivo, o dúo vigués formado por Dani Valladares e Jacobo Mouriño, que leva desde 2016 abrindo camiño na escena do black metal cunha proposta que combina sons extremos coa defensa da lingua e da identidade cultural galega.
O dúo, nacido tras a experiencia compartida no seu anterior grupo, Racin’ Peace, conta xa con cinco traballos publicados —tres álbums de estudo e dous EPs—, ademais de varios sinxelos, unha discografía coa que levou o seu black metal en galego a escenarios de toda Galicia, diferentes puntos do Estado e tamén Portugal.
Dous amigos, unha mesma paixón polo metal
Cando botan a mirada atrás, Dani e Jacobo teñen moi claro que foi o metal o que os uniu. Ambos lembran que eran «os dous metaleiros do colexio» e que aquela paixón compartida pola música acabou por converterse nunha amizade que, anos despois, deu o salto aos escenarios.

Así naceu, en 2011, a súa primeira banda, Racin’ Peace. Aquela experiencia foi o punto de partida dunha traxectoria que, co paso do tempo, desembocaría na creación de Dioivo, un novo proxecto centrado no black metal e cunha identidade propia.
«Todo comezou por un concurso para bandas noveis impulsado por Vigosónico, no que había que poñer música a un poema de Rosalía de Castro. Decidimos lanzarnos. E ata hoxe», lembran. Daquela experiencia xurdiu o seu primeiro tema e tamén a semente do que hoxe é Dioivo.
O galego como sinal de identidade
Aínda que nos seus primeiros anos compuxeron en inglés, o grupo decidiu dar o paso ao galego por unha cuestión tanto persoal como política. Para ambos, empregar a lingua propia non só responde á vontade de reivindicar a súa identidade, senón tamén de achegar unha voz diferente dentro dun xénero coma o black metal, cunha marcada proxección internacional.
Empregar a lingua propia permítelles diferenciarse dentro dun xénero internacional e conectar cun público que valora esa identidade. Recoñecen que black metal non é un xénero para todo o mundo, mais o feito de subir ao escenario e empregar o galego nos seus temas, obtivo un gran recoñecemento. «A acollida sempre foi moi positiva, tanto dentro como fóra de Galicia, a pesar de tratarse dun estilo musical minoritario», confesan.
O apoio, fundamental para o emprendemento musical
Emprender un proxecto musical non é doado, e menos aínda cando se dá os primeiros pasos. Dani e Jacobo téñeno claro: máis alá do talento ou das ganas, o apoio ás bandas emerxentes resulta fundamental para que poidan consolidarse e seguir medrando. Por iso, reivindican a necesidade de que as administracións continúen apostando por iniciativas que faciliten o acceso a espazos de ensaio e oportunidades para actuar.
No seu caso, lembran que os locais de ensaio gratuítos da Casa da Xuventude foron decisivos cando eran adolescentes, nun momento no que non contaban con recursos económicos para acceder a espazos privados. Aínda que valoran positivamente as instalacións actuais de Vigosónico, botan en falta outros locais municipais que desapareceron no centro da cidade e que, ao seu xuízo, eran unha peza clave para impulsar o tecido musical vigués.
Mais non todo se debe limitar aos espazos de ensaio. Dani e Jacobo defenden que os grupos emerxentes tamén precisan oportunidades para darse a coñecer e reclaman unha maior presenza das bandas viguesas como abreconcertos nos eventos municipais. Ao mesmo tempo, denuncian as dificultades que seguen atopando moitos artistas para acceder aos escenarios: «o fundamental é ter onde ensaiar, ter onde tocar e ter con quen facelo«, concluén.
«O metal é un estilo de música como calquera outro»
Lonxe dos prexuízos que adoitan rodear este xénero, Dioivo reivindica o metal como unha expresión cultural máis. Os seus integrantes consideran que, unha vez superadas as primeiras impresións, o público descobre unha escena diversa, comprometida e con moito que ofrecer máis alá dos estereotipos.
Aínda que o black metal é o seu hábitat natural, Dani e Jacobo non pechan a porta a explorar outros camiños musicais no futuro. «Por que non?», responden cando se lles pregunta pola posibilidade de experimentar con novos estilos, deixando claro que a música está para probar, evolucionar e seguir creando sen límites.
E se hai algo que define a Dioivo é precisamente esa vontade de crear. Xa o demostraron cando decidiron render homenaxe ao seu equipo, o Real Club Celta de Vigo, coa composición dun tema para conmemorar o centenario da entidade, unha iniciativa que uniu dúas das súas grandes paixóns: o metal e o fútbol.
Esa mesma apertura reflíctese nas colaboracións. Se tivesen que escoller un artista co que compartir escenario ou estudo de gravación, Dioivo ten un nome claro: Grande Amore. Explican que coñecen a súa paixón polo metal e que, ademais de admirar o seu traballo, cren que unha colaboración entre ambos podería dar lugar a unha proposta tan sorprendente como natural.
Con esa filosofía, o dúo continúa consolidando unha proposta que mestura a intensidade do black metal coa cultura galega, convencidos de que a música tamén pode ser unha ferramenta para preservar a lingua, reivindicar a identidade propia e seguir abrindo novos camiños dentro da escena musical.

