Estudio Brétemas, conseguiu algo que non moitas marcas locais logran: chegar ao gran público e a figuras recoñecidas do panorama cultural. O seu proxecto, que mestura a tradición galega con mensaxes reivindicativas e feministas, captou a atención de artistas como Chanel Terrero, María Vázquez ou James Rhodes, quen luciron os seus deseños en diferentes ocasións, presumindo deles nas súas redes sociais.
“Chanel Terrero levou unha camiseta de ‘Estou ata a cona’ por Coruña adiante“, conta Rosiña, a creadora da marca referíndose á cantante que representou a España en Eurovisión. “A xente puxo moita atención, e ata saíu na prensa”. A actriz María Vázquez tamén escolleu esta mesma camiseta para aparecer no programa La Resistencia —agora La Revuelta—, de David Broncano, mentres que James Rhodes mostrou unha das súas prendas nas redes sociais. “É algo moi positivo, claro, porque chegas a máis persoas”, recoñece.
Estudio Brétemas, unha marca nacida en Ribadavia, non é só moda, é un altofalante para o feminismo e a cultura galega. “A maioría das camisetas que temos son con algunha mensaxe reivindicativa, empoderadora, para as mulleres“, explican que apostan tamén polos refráns, as palabras típicas e o humor galego en produtos como cuncas e chuvasqueiros.
Con case unha década de traxectoria, a marca evolucionou cara a un enfoque máis feminista sen perder as súas raíces. “Non son deseños riquiños e positivos, porque non só queremos iso: preferimos tirar do refraneiro e das palabras galegas do día a día”, afirman, convencida da importancia de manter viva a cultura galega, tanto no día a día como nos seus produtos.
A historia de Estudio Brétemas é tamén un exemplo de resiliencia. A creadora da marca comezou a súa carreira no deseño gráfico e na moda, decidiu emprender tras quedar sen emprego. Tras uns anos cunha tenda física en Ribadavia, optou por centrarse na venda en liña, unha decisión que lle permitiu conciliar a súa vida familiar. “Traballo polas mañás e concilio polas tardes”, explica, destacando o seu empeño por seguir adiante cun proxecto que reflicte o seu compromiso coa igualdade e coa identidade cultural.
O impacto de Estudio Brétemas e dos seus deseños, como a icónica camiseta “Estou ata a cona”, calaron entre unha clientela fiel que espera as súas novidades, especialmente en datas clave como o Nadal. Cun estilo único que combina tradición, humor e reivindicación, Estudio Brétemas segue medrando como unha marca que conecta coas raíces galegas mentres mira ao futuro. Brétemas é algo máis que moda, accesorios, cuncas e outros produtos: é unha maneira de levar Galicia, as súas loitas e reivindicacións polo mundo adiante.