Galicia busca a súa Palabra do Ano 2025

Ata o 1 de decembro é posible enviar suxestións ó Portal das Palabras: a partir do 3 de decembro publicaranse as palabras finalistas e poderase votar á gañadora ata o 21 de decembro
Palabra do Ano 2025 Portal das Palabras RAG Fundación Barrié

O Portal das Palabras, iniciativa promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié, acaba de poñer en marcha a campaña para escoller a Palabra do Ano 2025, unha das convocatorias máis esperadas polos amantes da lingua galega. Como cada ano, o proceso desenvolverase en varias fases e contará coa participación directa da cidadanía, que poderá propoñer, votar e finalmente coñecer a palabra que mellor represente o espírito deste 2025.

Proceso en tres fases para escoller a Palabra do Ano 2025

A dinámica repítese seguindo o modelo colaborativo doutros anos, cunha estructura composta por tres etapas:

1. Primeira fase: envío de propostas

As persoas interesadas poden enviar as súas suxestións ata o luns 1 de decembro ás 23:59 horas a través da ligazón habilitada polo Portal das Palabras. Trátase da fase máis aberta, na que calquera usuario pode propoñer termos que reflictan emocións, fenómenos sociais, tendencias culturais ou calquera outro aspecto característico deste ano.

2. Segunda fase: anuncio das finalistas

O mércores 3 de decembro publicaranse as palabras finalistas. Desde ese momento e ata o domingo 21 de decembro ás 23:59 horas, abrirase unha votación pública para escoller cal delas merece converterse na Palabra do Ano 2025. Esta etapa adoita ser especialmente participativa, pois permite coñecer de preto as preocupacións e intereses lingüísticos e sociais da comunidade galega.

3. Terceira fase: anuncio da palabra gañadora

A Palabra do Ano 2025 darase a coñecer nos últimos días de decembro, coincidindo coa despedida do ano e a benvida a 2026. Desde a organización lembran que este termo pode simbolizar o que a sociedade galega viviu colectivamente, un fenómeno relevante do presente ou mesmo unha ilusión compartida para o futuro inmediato.

As últimas Palabras do Ano

O certame conta xa cunha longa traxectoria e converteuse nun dos eventos lingüísticos máis seguidos en Galicia. Ao longo dos últimos anos, a elección fixo visibles palabras que marcaron a actualidade social, cultural ou tecnolóxica. Estas son todas as gañadoras dende 2014, ano no que comezou esta iniciativa:

  • 2024: Cantareira
  • 2023: Cibercarracho, -a
  • 2022: Comadre
  • 2021: Tanxugueiras
  • 2020: Nós
  • 2019: Sentidiño
  • 2018: Deseucaliptización
  • 2017: Afouteza
  • 2016: Irmandade
  • 2015: Refuxiado, -a
  • 2014: Corrupción

Estas eleccións reflicten non só a evolución da lingua, senón tamén a pegada emocional e social de cada momento histórico.

A RAG e a Fundación Barrié convidan a toda a cidadanía a formar parte deste proceso e a compartir a iniciativa nas redes sociais. A Palabra do Ano 2025 pode ser unha oportunidade para reflexionar colectivamente sobre o que significou este ano e sobre o que desexamos para o que vén.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.