O Liceo Casino de Pontevedra acolleu este luns a primeira edición de ‘Galicia CONVERSA’, a nova iniciativa impulsada por enfoques.gal para crear espazos de diálogo arredor dos grandes retos e oportunidades de Galicia. Baixo o título «Novas tendencias no sector turístico. A experiencia en primeiro plano», o encontro reuniu profesionais de referencia dos ámbitos do turismo, a cultura e a innovación para analizar como están a mudar as motivacións dos viaxeiros e que papel debe desempeñar Galicia neste novo escenario.
Un turismo máis pausado, auténtico e conectado co territorio
A xornada comezou cunha conversa entre o director de enfoques.gal, Iago Ebrero, e David Mora, investigador e divulgador especializado en gastronomía e turismo vinculado ao Basque Culinary Center. Durante a súa intervención, Mora defendeu a gastronomía como un motor turístico capaz de atraer visitantes por si mesma, sempre que se entenda como unha expresión da cultura, da historia e da identidade dun territorio.

O experto puxo tamén o foco na importancia de construír experiencias auténticas, afastadas de relatos artificiais, e reivindicou un modelo turístico máis pausado e consciente. Neste sentido, reflexionou sobre o cambio de comportamento dos viaxeiros, que cada vez procuran máis desconexión, benestar e experiencias con significado fronte ao consumo acelerado de destinos. Para Mora, os territorios deben apostar por poñer en valor aquilo que os fai únicos, evitando caer na creación de experiencias artificiais ou deseñadas unicamente para o seu consumo inmediato.
Ao longo da conversa, o investigador convidou tamén a reflexionar sobre o modelo turístico que queren construír os destinos, contrapondo aqueles pensados para o impacto rápido e a visibilidade nas redes sociais con outros capaces de establecer unha relación máis profunda co visitante. Unha visión especialmente ligada a Galicia, un territorio que, ao seu xuízo, conta con recursos culturais, patrimoniais e gastronómicos capaces de ofrecer experiencias auténticas e diferenciadoras.

David Mora destacou ademais o potencial do turismo gastronómico para contribuír á desestacionalización e avanzar cara a modelos máis sostibles. Neste sentido, sinalou que a gastronomía permite atraer visitantes ao longo de todo o ano, favorecendo unha distribución máis equilibrada da actividade turística e reforzando a conexión entre os viaxeiros e a realidade local dos destinos.
A experiencia turística, a debate
A segunda parte do foro, moderada pola xornalista de enfoques.gal Sara Cordido, reuniu a Romina Fernández, representante de Turismo Rías Baixas; Kin Martínez, director de Esmerarte; e Víctor Sixto, consultor de Innotur.

A mesa redonda centrouse na crecente importancia da experiencia como elemento diferencial da oferta turística. Porén, os participantes coincidiron en sinalar que o sector vive un momento no que o termo “experiencia” corre o risco de perder significado debido ao seu uso excesivo. Neste contexto, defenderon a necesidade de recuperar conceptos como a autenticidade, o legado, a identidade local e o coidado dos detalles para construír propostas capaces de deixar pegada nos visitantes.

O papel da cultura como motor turístico ocupou tamén unha parte importante da conversación. Os relatores analizaron como festivais, eventos e proxectos culturais se converteron nos últimos anos nunha poderosa ferramenta de atracción turística e nun elemento de identidade para moitos territorios. Un fenómeno que exemplifica a capacidade da cultura para xerar comunidade, proxectar unha imaxe diferenciada e enriquecer a experiencia dos visitantes.
Durante o debate tamén se abordou que é o que converte unha experiencia en memorable. Os participantes reflexionaron sobre a tendencia a idealizar as viaxes e sobre a procura constante da perfección, poñendo o foco en factores como o contexto, o entorno ou as emocións xeradas durante a estadía. A pregunta sobre que pesa máis nun recordo —o que se vive ou o lugar onde sucede— serviu como fío condutor para analizar a relación entre territorio e experiencia.

Galicia como referente internacional turístico
A sustentabilidade e a internacionalización pecharon boa parte da reflexión compartida polos participantes. A mesa cuestionou se o turismo experiencial é necesariamente máis sostible ou se, nalgúns casos, simplemente incorpora un relato máis sofisticado. Neste sentido, os relatores coincidiron na necesidade de avanzar cara a modelos capaces de xerar un impacto positivo tanto para os visitantes como para os territorios que os reciben.

O debate concluíu cunha análise da evolución do turismo internacional en Galicia, un segmento que continúa gañando peso dentro do sector. Os participantes abordaron o reto de adaptar a promoción e a oferta turística galega a un perfil de visitante que busca permanecer máis tempo no destino e vivir experiencias auténticas e vinculadas á identidade propia do territorio. E a resposta, estivo clara: Galicia está preparada para o turismo internacional. Así como está preparada para afrontar tódo-los retos dun dos sectores más importantes da comunidade.

Con esta primeira edición, Galicia Conversa inicia a súa andaina como un espazo aberto ao diálogo e ao intercambio de ideas arredor dos grandes temas que marcan o presente e o futuro de Galicia. Un proxecto co que enfoques.gal continuará percorrendo distintas cidades galegas ao longo dos próximos meses.
