Do 13 ao 17 de xullo Galicia participa no Mundial de Fútbol Gaélico 2026 en Waterfood. A cidade irlandesa convértese no epicentro da cultura e o deporte gaélico, con máis de 200 equipos e 2.000 xogadores procedentes dos cinco continentes: trátase da competición internacional máis importante do calendario para os territorios nos que se practica este deporte, herdeiro do fútbol orixinario de Irlanda.
A maior parte da competición disputarase nas instalacións da South East Technological University, mentres que as finais terán lugar no histórico Walsh Park, un dos estadios máis emblemáticos dos deportes gaélicos en Irlanda.
O obxectivo principal nesta práctica que mistura fútbol, balonmán e rugby, é anotar puntos introducindo a pelota nunha portería en forma de “H”: un gol son tres puntos e pasar a bola por encima da barra, un. Mentres, os xogadores deben avanzar polo campo levando o balón nas súas mans, golpeándoo co pé cada 3-4 pasos e pasándoo entre eles.
Galicia acude á competición con dous equipos masculinos e dous femininos na categoría “Internacional”, que compiten en distintas divisións. Así, a expedición galega convértese nunha das delegacións internacionais máis numerosas da competición, formada por 62 persoas entre xogadores, xogadoras e corpos técnicos.
Isto é mostra da fortaleza que acadou o fútbol gaélico na última década pois, grazas ao traballo desenvolvido polos clubs, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico e proxectos como as Gaélico Escolas, cada vez máis persoas descobren e practican este deporte no noso territorio.
Galicia é xa un referente internacional no deporte cunha Liga e Copa galegas consolidadas e sendo sede de numerosas competicións internacionais.