O XII Torneo de Pádel Concello de Vigo organizado polo Club Pádel Barreiro celebrarase entre o 26 de xuño e o 5 de xullo nas instalacións de Máis que Auga Barreiro e Navia cun obxectivo: superar o récord de participación acadado o pasado ano e converter de novo a cidade nun referente internacional deste deporte.

O reto solidario para bater unha marca mundial
O torneo, ademáis da competición, impulsará un reto solidario para bater o récord mundial do partido de pádel máis longo da historia. Búscanse catro deportistas para xogar 41 horas ininterrompidas e, por cada dous minutos de xogo, doarase un euro á Asociación Española Contra o Cancro. Ademais habilitarase unha fila cero para apoiar a causa coa previsión de superar os 1.200 euros de recadación. Os participantes serán seleccionados entre as persoas voluntarias que se inscriban para afrontar unha proba física e mental de enorme esixencia, xa que deberán permanecer xogando durante practicamente dous días seguidos.
Xa na edición anterior a competición conseguiu superar os 1.042 participantes, unha cifra que a organización presentou como récord mundial de inscrición nun torneo amateur de pádel. Agora, o obxectivo pasa por volver aumentar esa marca e achegarse ou mesmo superar os 1.200 inscritos. A filosofía do evento segue sendo ofrecer unha experiencia de alta calidade organizativa sen limitarse ao ámbito profesional, abrindo as portas á participación masiva dos afeccionados ao pádel.
As categorías e data de inscrición
A competición contará cun amplo programa deportivo pensado para favorecer a participación do maior número posible de deportistas. Entre as modalidades previstas destacan: Categorías amateur; Categorías federadas masculinas e femininas; Categoría Lendas, destinada a veteranos e veteranas do pádel vigués.; Pádel en cadeira de rodas; Categorías de menores, dende benxamín ata júnior; Categorías ouro con premios económicos e presenza de xogadores destacados do panorama galego.
As inscricións permanecen abertas ata o 22 de xuño e teñen un custo de quince euros para adultos e dez euros para os máis novos, incluíndo un paquete de benvida para os participantes
A novidade deste ano: O Campionato Galego de Menores
Un dos aspectos máis destacados desta edición será a incorporación do Campionato Galego de Pádel de Menores, unha competición que reunirá arredor de 160 nenos e nenas na loita polos títulos autonómicos das diferentes categorías.
O campionato disputarase no complexo de Máis que Auga Barreiro, que ademais estreará novas pistas para responder á crecente demanda desta disciplina. A organización tamén manterá unha xornada gratuíta de promoción do pádel base, reforzando a aposta pola formación deportiva e a captación de novos xogadores.

Con todos estes elementos o XII Torneo de Pádel Concello de Vigo aspira non só a seguir medrando, senón tamén a reafirmarse como unha das citas máis singulares do calendario deportivo galego e estatal.
