Iago Piñeiro, o galego que vive máis de vinte festivais ao ano: «O mellor é cantar cos teus amigos de madrugada»

A música en directo, o ambiente dos cámpings e as amizades converteron a este mozo nun habitual dos grandes e pequenos festivais, unha paixón que xa forma parte do seu estilo de vida
Yago Piñeiro, o 'festivaleiro', xunto unha parte da súa colección de vasos de grandes citas musicais | Enfoques
Yago Piñeiro, o 'festivaleiro', xunto unha parte da súa colección de vasos de grandes citas musicais | Enfoques

Hai quen conta o ano en meses e hai quen o fai en festivais. É o caso de Iago Piñeiro ou, como ben se define xa a si mesmo, o «Festivaleiro», un mozo galego que asegura asistir a máis de 20 festivais cada ano. Unha tradición que comezou alá polo ano 2016 no Festival de Ortigueira e que pasou de ser unha simple saída a un auténtico estilo de vida marcado pola música, as amizades e a aventura.

Con centos de festivais ás costas, Iago conta cunha colección de vasos e pulseiras tanto de grandes eventos como O Son do Camiño, Revenidas, Portamérica, Son Rías Baixas ou o Festival de Ortigueira, coma tamén de pequenos encontros musicais que se traducen en experiencias e quilómetros percorridos.

PUBLICIDAD

De ir polos amigos a ser un apaixonado da música en directo

Aínda que o seu primeiro festival foi o Festival de Ortigueira en 2016, recoñece que daquela non entendía realmente o que significaba vivir un evento deste tipo. De feito, confesa non chegou a acudir a todos os concertos, xa que foi a Ortigueira pola experiencia e, realmente, a música non ocupaba un lugar importante no seu día a día.

Mais todo cambiou pouco tempo despois. Un regreso ao festival que considera dos seus favoritos fíxolle descubrir xente nova, así como entender que un festival moito máis que un cartel de artistas. A experiencia do cámping, a convivencia e a música en directo fixeron que se enganchase definitivamente a este mundo.

Desde entón, un festival levou a outro. As recomendacións dos amigos e as ganas de seguir descubrindo novos eventos fixeron que cada verán estivese marcado por unha nova cita musical. E, podemos dicir, que quizá non foi a todos… pero si á gran maioría!

Descubrir grupos está ben, xunto a amigos… mellor

Para Iago, acudir a un festival non significa unicamente gozar aos artistas que xa coñece. E é que para el, un dos maiores atractivos é «descubrir bandas e estilos musicais novos«, algo que considera parte esencial da experiencia.

Grazas aos festivais comezou a escoitar grupos e artistas que nunca antes formaran parte das súas listas de reprodución, ampliando así os seus gustos musicais e abríndose a propostas moi diferentes. É o caso de bandas como Two Door Cinema Club, dos que escoitara falar peor descubriu en directo, ou do galego Baiuca, do que xa se considera un seguidor máis.

Mais, se tivese que elixir un instante especial, non fala dun concerto ou un artista. Iago teno claro: o mellor momento dos festivais son as madrugadas compartidas cos amigos, abrazados mentres cantan cancións coñecidas por todos. «Para min é o mellor momento da experiencia. Gran parte dos amigos que teño, déronmos os festivais».

Pola contra, considera que os dous grandes problemas actuais son o aumento dos prezos e a masificación destes eventos musicais, así como o mantemento de servizos básicos coma poden ser os baños. Aspectos que, ao seu xuízo, seguen sendo unha das materias pendentes da maioría dos eventos.

A importancia dos pequenos festivais

Cada ano, Iago experimenta unha media de 20 festivais, o que pode supoñer un gasto medio duns 150 euros por cada un. Iso si, coa experiencia completa. «Son unha persoa moi normal. Cando falo desa cantidade non só me estou referir á entrada, senón tamén á comida e outros gastos asociados. Nun festival hai que ter en conta moitas cousas se buscas unha boa experiencia».

Con todo, lembra que -afortunadamente- en Galicia seguen existindo numerosos festivais gratuítos, unha oferta que permite achegar a música en directo a todo tipo de públicos. «Moitas veces centrámonos nos festivais grandes e comerciais, mais non podemos esquecernos dos festivais pequenos e mesmo autoxestionados pola propia veciñanza, aos que deberíamos seguir acudindo, para apoialos como se merecen».

Para Iago, os festivais non teñen segredos. Ten claro que hai que entendelos polo que son: unha experiencia colectiva na que a música, a convivencia e o ambiente están por riba de calquera comodidade. «A un festival tes que ir mentalizado, saber ao que vas e entender que non é unha experiencia de luxo, senón de desfrute», asegura.

Ao final, despois de percorrer máis de 20 festivais cada ano, está convencido de que o verdadeiramente importante é vivir a música, compartir momentos coa xente e crear recordos que sempre convidan a volver ao seguinte destino.

Do que non está tan convencido é do seu ‘top 3’, algo que confesa custarlle máis do que debería. «Hai moitos aos que volvería e dos que disfruto ano tras ano, mais se tivera que elixir quedaríame con Portamérica, Revenidas e o Festival de Ortigueira». Aínda así, o primeiro posto compárteo co Festival Observatorio, a súa aposta máis recente. Cal será o próximo en subir na lista?

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.