O artista que «non quería pintar para os vencedores»

Rosario Sarmiento analiza o legado de Isaac Díaz Pardo, homenaxeado no Día das Artes Galegas 2025. Un persoeiro poliédrico que marcou a cultura galega desde a arte, a industria, a memoria histórica e o pensamento
Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo

A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu dedicar o Día das Artes Galegas 2025 a Isaac Díaz Pardo, unha figura esencial para comprender a arte e o pensamento contemporáneo en Galicia. Rosario Sarmiento, referente no comisariado e na crítica artística, non só estudou a fondo a súa obra e a da súa familia, senón que o coñeceu persoalmente. En 2020, foi autora dun dos textos da exposición conmemorativa do centenario do seu nacemento, organizada polos seus fillos no Gaiás. «Isaac foi moito máis ca un artista plástico. É unha figura poliédrica, difícil de abarcar», sinala.

A súa vida estivo marcada polo asasinato do seu pai, Camilo Díaz Baliño, escenógrafo e pintor republicano, fusilado en 1936. «Tivo que fuxir con súa irmá de Santiago para salvar a vida. Esa ferida política e persoal marcou todo o que viría despois», explica Sarmiento. Coa nai falecida dous anos máis tarde, as dificultades económicas impediron que estudase Arquitectura, como desexaba, e optou por Belas Artes en Madrid. Alí completou a carreira en tempo récord, nun contexto de posguerra e represión.

«Estaba pintando para os vencedores»

«Comeza sendo un pintor de éxito, sobre todo como retratista. Tiña clientela e vendía ben, pero el viña dunha familia que perdera a guerra, os mortos, os exiliados… e estaba pintando para os vencedores. Iso produciulle un certo desasosego, unha crise persoal», relata Rosario. Esa tensión levou a Díaz Pardo a afastarse da pintura a finais dos anos corenta. «Tiña unha concepción social da arte, unha visión de utilidade, de compromiso, que estaba en contra do que estaba facendo nese momento».


Rosario Sarmiento | ©xurxolobato


Dese xiro naceu a súa incursión no deseño e na cerámica, primeiro coa creación de Cerámicas do Castro e, máis tarde, coa recuperación de Sargadelos. O seu traballo empresarial estivo sempre ligado a unha visión cultural ampla. «Non só foi un empresario, foi editor, pensador, promotor artístico… No Castro había un museo, pero tamén unha editorial, obradoiros, exposicións, encontros. Era un núcleo cultural de primeiro nivel», destaca Sarmiento.

«Tivo unha capacidade extraordinaria para combinar arte e industria, pensamento e acción»

Nos anos 70, en plena ditadura, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane fundaron o Museo de O Castro, considerado o primeiro centro de arte contemporánea de Galicia. Antes, durante o seu exilio en Arxentina, creara tamén unha fábrica de cerámica e afondara na edición cultural. «Tivo unha capacidade extraordinaria para combinar arte e industria, pensamento e acción. Iso está na raíz de todo o que fixo», di Rosario.

«Segue sendo unha figura fundamental para entender a Galicia contemporánea. Como artista plástico tivo unha obra breve pero interesante, aínda que el mesmo non lle daba moita importancia. Dicía con retranca que o pintor xa morrera hai moito tempo». E engade: «O importante é todo o que fixo despois: o impulso á cultura, á lingua, ao pensamento. O que fixo transcende mesmo a súa propia figura».


En la fábrica de Magdalena (Argentina), 1958-59


O 1 de abril, Día das Artes Galegas

Hoxe, Día das Artes Galegas, Santiago de Compostela acolle o acto central en lembranza de Díaz Pardo, como manda a tradición de homenaxear ás figuras na súa cidade natal. A data non é casual: foi escollida pola Real Academia Galega de Belas Artes no ano 2015, cando se instaurou esta xornada para reivindicar as artes galegas a través dunha figura emblemática. Aquel ano inaugural estivo dedicado ao Mestre Mateo. Dende entón, cada edición céntrase nun nome esencial para a historia artística do país, recoñecendo desde pintores e escultores ata arquitectos ou deseñadores.

A de 2025 será a décima edición desta efeméride, que se consolida como unha cita fundamental no calendario cultural galego. E nesta ocasión, sinala Rosario Sarmiento, «trátase de recoñecer unha personalidade que deixou pegada en todos os ámbitos da cultura galega: desde a arte ata o pensamento, pasando pola industria, a edición ou a memoria do exilio. Un persoeiro inabarcable, que traballou sen descanso ata o último día».

Relacionadas