O filme galego ‘As liñas descontinuas’ leva dúas semanas en HBO Max no top 10

O filme reforza a visibilidade do cinema galego contemporáneo e demostra a capacidade das producións realizadas en lingua galega
As liñas descontinuas | HBO Max
As liñas descontinuas | HBO Max

A longametraxe galega As liñas descontinuas, dirixida por Anxos Fazáns, continúa a súa boa acollida entre o público dende a súa chegada a HBO Max. A película entrou directamente no ranking dos títulos máis consumidos no momento da súa estrea e, durante estes quince días, chegou mesmo a ocupar a segunda posición entre as películas máis vista, un resultado especialmente significativo para unha produción rodada completamente en galego.

Un relato sobre os vínculos que nacen nos momentos máis difíciles

A historia céntrase en Bea, unha muller de 50 anos que está a afrontar unha separación tras dúas décadas de vida en común. No día no que debe abandonar a casa familiar, atópase cunha situación inesperada: un ladrón dorme na súa cama despois de que a vivenda fose saqueada. Ese encontro fortuíto lévaa a compartir varios días con Denís, un mozo de 28 anos marcado pola precariedade laboral e a falta de oportunidades. A relación que se establece entre ambos converterase nun punto de inflexión nas súas vidas.

As liñas descontinuas | HBO Max

A través desta premisa, a directora viguesa constrúe un relato sobre os vínculos humanos, a amizade e as transformacións persoais que poden nacer dos encontros máis imprevistos. Ademais, a obra destaca por ofrecer unha mirada afastada dos conflitos e estereotipos habituais arredor da identidade trans e da madurez feminina, integrando ambas realidades de maneira natural dentro da narración.

Un percorrido destacado polos festivais

Antes do seu desembarco na plataforma, As liñas descontinuas foi presentada na Sección Oficial do Tallinn Black Nights Film Festival, un dos principais certames europeos. Tamén participou no Festival Internacional de Cine de Xixón, onde recibiu o Premio DAMA ao Mellor Guión de Película Española, e foi recoñecida como Mellor Película Española no Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria.

A directora e os protagonistas do filme As liñas descontinuas no Festival de Cans | @LASLINEASDISCONTINUAS

O filme tamén formou parte da programación de festivais como IndieLisboa, Vilnius Film Festival, Transilvania International Film Festival, FILMADRID, Novos Cinemas, Rizoma ou REC Tarragona. Ademais, foi finalista en once categorías dos Premios Mestre Mateo.

Con este novo éxito en HBO Max, a película reforza a visibilidade do cinema galego contemporáneo e demostra a capacidade das producións realizadas en lingua galega para conectar cun público amplo máis alá dos circuítos especializados.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.