O Grao en Medicina da USC, o único en Galicia en pechar a matrícula

Cunha nota de corte de 12,844, é o único grao que pechou a matrícula no primeiro chamamento: o doble grao de Matemáticas e Física da USC é unha vez máis a titulación con máis nota, cun 13,449
Grado Medicina Universidade de Santiago de Compostela USC

A publicación das primeiras listas de admisión ás universidades galegas deixou unha situación pouco habitual este curso: o Grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é o único das tres universitades galegos que pechou a matrícula xa no primeiro chamamento, cunha nota de corte de 12,844.

Os estudantes admitidos nesta titulación poderán formalizar a súa matrícula entre este mércores e o xoves ás 23.59 horas. Pola contra, o resto dos graos ofertados polas universidades galegas continuarán admitindo alumnado nos sucesivos chamamentos previstos pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG).

A maioría das titulacións aínda manteñen prazas dispoñibles

A diferenza do que viña sendo habitual nos últimos anos, nesta primeira adxudicación só Medicina esgotou todas as súas prazas. Na USC permanecen vacantes 64 titulacións —44 no campus de Santiago e o resto en Lugo—, mentres que tanto a Universidade da Coruña (UDC) como a Universidade de Vigo (UVigo) manteñen abertas todas as súas ofertas académicas.

O segundo chamamento realizarase o vindeiro 14 de xullo, con matrícula prevista para os días 15 e 16, polo que moitos estudantes que permanecen en lista de espera aínda poderán acceder ás súas opcións preferentes.

Este escenario contrasta co rexistrado o pasado curso, cando 38 titulacións do campus de Santiago xa pecharan a matrícula na primeira adxudicación, quedando unicamente sete con prazas dispoñibles para os chamamentos posteriores.

Matemáticas e Física segue liderando as notas de corte

As primeiras notas de admisión tamén confirman que os dobres graos continúan sendo os máis demandados en Galicia. A simultaneidade de Matemáticas e Física na USC volve situarse como a titulación coa nota máis alta do sistema universitario galego, cun 13,449.

Séguelle o dobre grao de Enxeñaría Informática e Matemáticas, tamén en Santiago, cun 13,046, mentres que o Programa Académico de Percorrido Sucesivo (PARS) de Enxeñaría Aeronáutica e Aeroespacial alcanza o 13,010.

Entre os graos, Medicina mantense entre os máis esixentes, cun 12,844, moi preto de Odontoloxía, que fixa a súa nota en 12,815. Tamén destacan Biotecnoloxía (12,288) e Matemáticas (12,214).

No ámbito sanitario, Enfermaría continúa rexistrando unha elevada demanda, con notas de acceso de 11,940 en Santiago, 11,826 na Coruña e 11,466 no campus de Vigo.

Medra o interese polas enxeñarías

Os datos desta primeira adxudicación tamén evidencian un incremento do interese polas carreiras tecnolóxicas e de enxeñaría. Un dos maiores aumentos corresponde ao PARS de Enxeñaría Informática en Ourense, que pasa dunha nota de 5 no primeiro chamamento do pasado curso ata o 7,7 actual.

Tamén experimentan importantes subas Enxeñaría Eléctrica en Vigo, Xestión de Empresas Hostaleiras en Santiago ou Filosofía, que continúa consolidando a tendencia ascendente iniciada nos últimos anos.

Pola contra, algunhas titulacións reducen significativamente a súa nota de acceso respecto ao curso anterior, como Economía en Santiago ou a simultaneidade de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria con Enxeñaría Forestal.

Que ocorre cos estudantes en lista de espera?

A resolución deste primeiro chamamento pode dar lugar a diferentes situacións para o alumnado. Quen obtivo praza na súa primeira opción ten garantida a matrícula, mentres que aqueles admitidos nunha opción inferior poden reservar a súa praza á espera de que evolucionen as listas das titulacións preferentes.

Os estudantes que continúan en lista de espera deberán confirmar que desexan permanecer nela e seguir atentos aos próximos chamamentos, previstos para os días 14, 21, 24 e 29 de xullo, ademais do 2, 9 e 23 de setembro e o 9 de outubro, datas nas que se completará definitivamente o proceso de admisión ás universidades galegas.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.