Os galardóns promovidos polo Clúster da Comunicación de Galicia regresarán o próximo 13 de novembro ao Teatro Jofre de Ferrol, nunha convocatoria que busca reflectir mellor a variedade de disciplinas e formatos que conviven actualmente no sector. A renovación das categorías e a composición do xurado van da man dunha mesma idea: dar visibilidade ao talento e aos proxectos que se desenvolven desde Galicia.
Un total de quince profesionais con experiencia en ámbitos tan diversos como a creatividade publicitaria, o deseño, a comunicación corporativa, o márketing e a organización de eventos serán os encargados de valorar as candidaturas desta edición baixo o mando de Xisela López, directora creativa executiva con máis de dúas décadas de traxectoria.
O xurado idóneo para uns premios con talento
O xurado estará presidido por Xisela López, directora creativa executiva con máis de vinte anos de experiencia en publicidade e campañas para marcas como Coca-Cola, Atlético de Madrid, Vodafone e Renfe. Recoñecida por Forbes entre as persoas máis creativas do mundo dos negocios, recibiu tamén o Premio Eficacia á traxectoria profesional sub-41.

Xunto a ela estará Álvaro Valiño, infografista, ilustrador e deseñador gráfico independente da Coruña, cuxos traballos chegaron a publicacións internacionais como National Geographic, The Washington Post, Corriere della Sera e Science. Tamén formará parte do equipo Noelia Estévez, socia fundadora do estudio Desoños e profesora asociada na Facultade de Deseño da Universidade de Vigo, especializada en identidade e deseño dixital, con proxectos para Afundación, a Fundación Barrié e o MARCO, entre outros.
A creatividade publicitaria estará representada por Julián Abad, presidente de Creatividade Galega e director creativo executivo de Wise, con máis de trinta anos de experiencia en axencias como Contrapunto BBDO e Bassat Ogilvy & Mather, e por Alba Pato, directora de arte e cofundadora de Bululú Creativos, que acumula máis de dezaoito anos de traballo no desenvolvemento de identidades de marca e campañas para empresas e institucións.

No ámbito da comunicación estratéxica destaca Tesa Díaz-Faes, socia fundadora de MundiNova Consultores de Comunicación e presidenta de Dircom Galicia, que foi directora global de Comunicación e Relacións Institucionais de Nueva Pescanova e recibiu en 2022 un recoñecemento á súa traxectoria profesional por parte de Global Alliance e a Universidade Nebrija. Pola súa banda, Fuencisla Cid dirixe a Comunicación, as Relacións Institucionais e o Márketing de El Corte Inglés en Galicia, onde achega máis de vinte anos de experiencia corporativa e en consultoría.

O xurado contará tamén con Sara Torreiro, responsable de Márketing e Responsabilidade Social Corporativa de Casa Grande de Xanceda, mentora e docente en comunicación, e con Yolanda Villar, fundadora e directora de neuromarketlab, especializada na investigación do comportamento dos consumidores e profesora universitaria de Neuromárketing e Comportamento do Consumidor.

A dirección estratéxica e a publicidade terán representación a través de Alfonso Martínez, director xeral de Tres Punto Tres Marketing, Comunicación e Publicidade, con máis de vinte e cinco anos de experiencia e cunha etapa á fronte da Cidade das TIC da Coruña, onde liderou o plan director e a estrutura de gobernanza do proxecto; Javier Herranz, director da axencia Siete Olas, especializado en estratexia de comunicación, márketing e captación dixital; e Rubén Domínguez, director de Operacións e Control de Xestión de Servicios Gráficos, cunha traxectoria ligada á produción, os procesos de impresión e a xestión de equipos;

| Clúster da Comunicación
Completan o equipo Paloma Orjales, directora de Viajes Orzán e Orzán Congres, con experiencia na organización de congresos e na xestión de servizos; e Pilar Muiños, fundadora e directora da axencia mui. e vicepresidenta da Asociación de Técnicos de Protocolo de Galicia, que compaxina a súa actividade profesional coa coordinación académica dun máster de organización de eventos, protocolo e comunicación.
María Lozano, asesora de Publicidade da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, exercerá como secretaria do xurado.eral de Medios da Xunta de Galicia, exercerá como secretaria do xurado.
Trece categorías para unha industria en transformación
A elección do xurado chega nunha edición que amplía de dez a trece categorías competitivas e introduce cambios para adaptarse á evolución da comunicación, o deseño e o márketing. Unha das novidades máis destacadas é a separación do deseño gráfico e o dixital en dous galardóns diferentes. A categoría dixital abre a porta a proxectos como páxinas web, aplicacións, interfaces, experiencias de usuario e visualización interactiva de datos.
Os premios incorporan tamén un recoñecemento específico para as accións e estratexias en redes sociais, tanto para campañas puntuais como para iniciativas continuadas de creación de comunidade. A nova estrutura inclúe, ademais, dúas categorías que poñen o foco na relación dos proxectos co seu contorno: o premio á mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia e o galardón á mellor acción de comunicación ou márketing de impacto positivo.
A primeira distinguirá iniciativas que contribúan á promoción da identidade, a lingua, a cultura ou o territorio galegos. A segunda recoñecerá proxectos que, ademais de obter resultados comunicativos, xeren beneficios sociais, culturais, ambientais ou comunitarios.
A oferta complétase con premios á produción gráfica, a idea creativa, a campaña publicitaria, a eficacia do márketing, a creación de marca, a comunicación e as distintas modalidades de eventos corporativos, culturais, gastronómicos ou musicais.
Cambios nos premios especiais e unha aposta polo talento novo
A renovación afecta tamén aos recoñecementos especiais. O Premio de Honra pasa a ser un único galardón, que substituirá os dous premios honoríficos anteriores vinculados á creatividade e ao deseño. A Xunta Directiva do Clúster será a encargada de escoller a persoa ou institución distinguida pola súa traxectoria, contribución ao sector ou vinculación cos valores dos premios.
Pola súa banda, o anterior Premio Novos Talentos convértese no Premio Estudantes, dirixido a persoas maiores de 18 anos matriculadas en escolas ou facultades galegas de comunicación, deseño ou comunicación visual.
Mantense tamén o Paraugas de Ouro, o máximo recoñecemento do certame, que se decidirá entre os proxectos gañadores das distintas categorías.
Ferrol ten unha cita co talento o próximo 13 de novembro
Coa nova estrutura, os Premios Paraugas buscan representar a amplitude dunha industria na que conflúen axencias, estudos independentes, empresas, profesionais creativos e especialistas en comunicación. A cita conta co patrocinio institucional de Galicia Calidade e do Concello de Ferrol, ademais da colaboración da Autoridade Portuaria de Ferrol.
A gala do 13 de novembro no Teatro Jofre será o punto de encontro dunha nova edición que pretende recoñecer non só a calidade dos traballos realizados desde Galicia, senón tamén a súa capacidade para impulsar a innovación e a competitividade.
A través destas novidades, os premios reforzan o seu papel como escaparate do talento galego e como espazo común para as distintas disciplinas que forman parte da cadea de valor da comunicación.