O BNG “vota en contra de 9.000 postos de traballo para Ferrol” segundo os socialistas coruñeses

Os nacionalistas non apoiarán os Orzamentos Xerais que multiplican por cinco a inversión na comarca

Imaxe de archivo de Bernardo Fernández, Natividad González Laso e Montse García Chavarría desgranando o impacto das contas públicas na provincia

Os socialistas aseguran que a decisión do BNG de non apoiar os Orzamentos Xerais do Estado polo seu gasto en Defensa “é ir en contra de 9.000 postos de traballo na comarca de Ferrol durante unha década”.

A deputada no Congreso Montserrat García lamenta “unha postura que vai en contra do futuro de Ferrol e da provincia, os orzamentos recollen 339,9 millóns de euros para as fragatas F110 e dos 2.000 millóns de euros para o plan de modernización das F100, xa hai consignados tamén nos orzamentos 104,6 millóns de euros; estes investimentos garanten carga de traballo para Ferrol e a comarca durante moitos anos”.

García engade que son unhas contas que despregan o paraugas social máis importante das últimas décadas, sendo destinados 6 de cada 10 euros na provincia da Coruña a gasto social. Os orzamentos destinan 436,45 millóns de euros á provincia da Coruña, dos case 1.100 millóns de euros consignados para Galicia, que é a 5ª autonomía con maior financiamento.

“Máis de 300.000 pensionistas da provincia beneficiaranse dun aumento das pensións e os 66.361 empregados públicos da provincia aumentarán o seu poder adquisitivo”, lembra a deputada socialista. A isto súmanse 74.000 familias galegas que recibirán o Bono Social Térmico e máis de 4.000 mozos galegos recibirán o Bono Alquiler.

Por estes motivos, “os socialistas non comprendemos a postura do BNG, son uns orzamentos moi importantes para Ferrol e para toda a provincia da Coruña”.

Salir de la versión móvil