Ribadeo pechará a praia das Catedrais durante o eclipse do 12 de agosto

Habilitarase unha zona de observación no seu aparcadoiro público cunha pantalla xigante dende a que se emitirán explicacións divulgativas sobre o eclipse
Un atardecer na praia das Catedrais | TURISMO GALICIA
Un atardecer na praia das Catedrais | TURISMO GALICIA

A praia das Catedrais permanecerá pechada ao público o vindeiro 12 de agosto e ata as 7:30 horas da mañá do día seguinte como medida preventiva ante a masiva afluencia de visitantes que se agarda con motivo do eclipse total do Sol. A decisión foi acordada polo Concello de Ribadeo en coordinación coa Consellería do Medio Ambiente e os distintos corpos de seguridade.

A reunión do Concello de Ribadeo coa Consellería do Medio Ambiente e corpos de seguridade | CONCELLO DE RIBADEO

O areal de Ribadeo será un dos puntos privilexiados para observar o fenómeno, xa que se poderá contemplar dende aí aproximadamente un minuto e 45 segundos, un dos tempos máis prolongados de visibilidade do eclipse en Galicia. Para facilitar o seguimento do evento sen comprometer a protección do espazo natural, habilitarase unha zona de observación no aparcadoiro público das Catedrais, onde se instalará unha pantalla xigante dende a que se emitirán explicacións divulgativas sobre o eclipse e tamén sobre a choiva de estrelas das Perseidas. As intervencións estarán guiadas polo astrónomo José Ángel Docobo, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director do Observatorio Ramón María Aller.

As restricións habituais da praia das Catedrais

As restricións na praia non é nada novo e a decisión de pechala durante a xornada do eclipse enmárcase nas medidas de protección que xa se aplican habitualmente nun dos enclaves turísticos máis concorridos de Galicia. A praia das Catedrais leva anos sometidas a un sistema de control de acceso gratuito debido á enorme afluencia de visitantes que recibe, especialmente durante a tempada alta para garantir tanto a conservación do espazo como a seguridade dos visitantes.

Xente nunha das visitas á praia das Catedrais | CONCELLO DE RIBADEO

Segundo explicou o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, o operativo foi deseñado tras varias reunións de coordinación entre administracións. Ademais do peche do areal, tamén quedará suspendida a emisión dos habituais permisos de acceso para esas datas.

Dende o Concello consideran que o eclipse representa unha oportunidade para promocionar Ribadeo como destino de referencia para a observación astronómica, ao tempo que se garante a conservación dun dos espazos naturais máis emblemáticos da costa galega.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.