Santiago, o primeiro concello de Galicia en subirlle o IBI ás vivendas baleiras en mans de bancos

O Concello vén de iniciar o expediente para declarar como baleiras un total de 19 vivendas, o que permitiría aplicar un recargo no IBI de entre o 50 e o 150%
Imaxe de arquivo do Casco Histórico de Santiago de Compostela | TURISMO DE SANTIAGO
Imaxe de arquivo do Casco Histórico de Santiago de Compostela | TURISMO DE SANTIAGO

Santiago de Compostela vén de poñer en marcha o mecanismo para incrementar a presión fiscal sobre as vivendas baleiras que permanecen en mans de entidades financeiras, converténdose así no primeiro concello de Galicia en aplicar unha medida deste tipo.

O Goberno local iniciou os expedientes necesarios para declarar como permanentemente desocupados un total de 19 inmobles propiedade de bancos, unha condición previa para poder aplicarlles posteriormente un recargo na cota do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI).

A tramitación permitirá ao Concello aplicar diferentes niveis de recarga en función do tempo que leve desocupada cada vivenda e das propiedades que teña a entidade titular no municipio. Así, o incremento será do 50% cando o inmoble leve máis de dous anos baleiro e poderá alcanzar o 100% se supera os tres anos de desocupación.

A porcentaxe poderá elevarse ata o 150% no caso de propietarios que dispoñan de dous ou máis inmobles no mesmo termo municipal, de acordo cos supostos establecidos na ordenanza fiscal.

Un procedemento que comeza agora

Os expedientes aprobados polo Concello constitúen o primeiro paso do proceso. Unha vez que as vivendas sexan declaradas formalmente como desocupadas con carácter permanente, o Goberno local estará en condicións de aplicarlles o correspondente recargo no IBI.

«Seguimos traballando en todo o que podemos facer dende as nosas competencias para mellorar o acceso á vivenda en Compostela”, destacou a portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, quen explicou que o Concello está a activar os procedementos para poder facer efectivo este instrumento fiscal.

Con esta actuación, Santiago convértese no primeiro concello de Galicia en poñer en marcha este mecanismo fiscal especificamente sobre vivendas baleiras propiedade de entidades bancarias.

O Concello busca mobilizar vivenda baleira

A iniciativa encádrase na estratexia do Goberno local para actuar, dentro das súas competencias, sobre o parque residencial que permanece sen uso e favorecer a súa incorporación ao mercado.

Louzao defendeu que o Executivo municipal continuará impulsando medidas neste ámbito. «Seguimos traballando en todo o que desde as nosas competencias podemos facer para mellorar o acceso á vivenda en Compostela», apuntou a portavoz.

O recargo no IBI pretende así desincentivar o mantemento prolongado de inmobles baleiros e fomentar que estas vivendas poidan acabar destinadas ao alugueiro ou a outros usos residenciais.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.