A Garda Civil, en coordinación coa Policía Local de Arteixo, esclareceu unha grave agresión ocorrida nun establecemento de hostalería do municipio, que se saldou con tres persoas detidas e dúas investigadas por diversos delitos relacionados cun intento de homicidio.
Os feitos tiveron lugar o 21 de setembro, cando unha discusión por unha débeda económica derivou nun ataque violento contra un varón no interior do local. Segundo a investigación, unha parella implicada na disputa abalanzouse sobre a vítima: o home inmobilizouna mediante unha manobra física, mentres a muller lle deu catro puñaladas cunha navaxa de grandes dimensións, provocándolle unha perforación pulmonar grave.
A pesar da gravidade das feridas, ninguén no establecemento prestou axuda ao agredido. O home tivo que desprazarse pola vía pública ata o seu domicilio, onde finalmente foi asistido por familiares e trasladado de urxencia ao CHUAC, ingresando na Unidade de Coidados Intensivos.

Detencións e novas investigacións
A partir das declaracións recollidas no hospital e das inspeccións realizadas no local, os investigadores lograron identificar aos presuntos autores. O 30 de setembro, ambos foron detidos xunto cunha terceira persoa acusada de encubrimento por facilitarlles a fuga no seu vehículo e colaborar na ocultación da arma empregada.
Durante o operativo, tamén se constatou que a muller detida incumprira unha medida xudicial que lle prohibía a tenza e uso de armas. O 2 de outubro, a investigación ampliouse a dúas persoas máis, ás que se lles atribúe un delito de omisión do deber de socorro por non auxiliar á vítima nin alertar aos servizos de emerxencias.
As medidas xudiciais
As dilixencias foron remitidas ao Tribunal de Instancia de Garda da Coruña. A autoridade xudicial decretou prisión comunicada e sen fianza para os dous presuntos autores das puñaladas, mentres que o detido por encubrimento quedou en liberdade con medidas cautelares.