O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves no salón de actos do Pazo de San Marcos a I Xornada de Emprego da Provincia de Lugo, un encontro organizado pola institución provincial en colaboración coa Escola de Organización Industrial -EOI-, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, co obxectivo de favorecer a inserción laboral aportando criterios para axustar mellor a oferta e a demanda.
Para elo, o encontro pon en contacto ao longo de toda a mañá a mozos e mozas da provincia, traballadores e persoas en situación de desemprego con representantes de compañías lucenses punteiras como Cafés Candelas, Leite Río, Innogando, Transportes Valín e Hijos, Arenal, ESTATI.CO e INSITU. A xornada, de acceso libre e gratuíto, contou coa participación de preto de cen persoas. No acto inaugural, José Tomé destacou que este foro, como todas as accións e medidas da Deputación, “pretende sobre todo ser útil”. O presidente explicou que esta nova iniciativa da Deputación forma parte do importante investimento en políticas de emprego” que fai a institución.
Lembrou que a Deputación conta cun servizo provincial de emprego a través da Axencia de Colocación; e co Punto de Atención ó Emprendemento, unha oficina que ofrece información e axiliza trámites para abrir un negocio.
A conferencia, ‘Cómo triunfar neste mercado laboral. ¿Qué detestan as empresas? ¿Qué detestan os desempregados?’, a cargo de Alfonso Alcántara, psicólogo e especialista en motivación para empresas, profesionais e traballadores, abriu a xornada, que inclúe seguidamente dúas mesas de debate. A primeira, baixo o título ‘Hai traballo na provincia de Lugo’, contará, cos responsables de recursos humanos de Cafés Candelas e Arenal, Irene Rodríguez e Óscar López, respectivamente; o xerente de Transportes Valín e Hijos, Pablo Valín; e a responsable de Relacións Institucionais de Leite Río, María Luz López. ‘Lugar de oportunidades, a provincia de Lugo’ é o nome do segundo intercambio de pareceres, un encontro no que participarán Elio López, o CEO de Innogando; Juan Pedro Granados, responsable de márketing e estratexia dixital de clientes de ESTATI.CO; Ramón Martínez, xerente de INSITU, e Lourdes Pardo, da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). En ambas mesas, participarán dous traballadores e dous desempregados.
A cita de emprego conta tamén coa participación da Escola de Organización Industrial -EOI- coa que a institución provincial ten en marcha diferentes iniciativas de cara a impulsar o emprego e o desenvolvemento económico da provincia de Lugo. Durante a xornada, as persoas interesadas en atopar traballo poden deixar o seu currículo na Axencia de Colocación da Deputación de Lugo, con sede no Pazo de San Marcos, e aquelas con vontade de emprender poden solicitar cita para asesoramento no Punto de Atención ao Emprendedor -PAE- situado tamén na sede da institución provincial.
Na clausura desta primeira Xornada de Emprego da Provincia de Lugo, que tuvo lugar, ás 14:00 horas, participou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e xefa de servizo de Emprego da Deputación, Julia Vázquez Silvarrey.