A iniciativa A Mariña en Ruta presenta a súa cuarta edición

A primeira das rutas plantexadas será o próximo sábado 8 de outubro ás 10:30 horas, a 'Ruta dos Fornos e Mina Consuelo' da man de Tirolina das Minas

Deputación de Lugo

A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou este xoves no Centro de Interpretación da Mariña -CENIMA-, en Foz, na presentación dunha nova edición da iniciativa A Mariña en Ruta, que impulsa a Mancomunidade de Municipios e coa que colabora a Deputación de Lugo. O acto que estivo presidido polo presidente da Mancomunidade e alcalde de Foz, Francisco Cajoto.

Mayra García subliñou a importancia de que este programa de rutas a pé polo territorio mariñán chegue á cuarta edición, porque “neste tipo de iniciativas cumprir anos equivale a revalidar o acerto da proposta inicial e a manter o compromiso coa promoción social e económica desta terra”. Na súa intervención felicitou ás persoas organizadoras polo deseño dos 10 itinerarios, pero dun xeito especial trasladou os parabéns da Deputación de Lugo á Mancomunidade por continuar adiante con este proxecto “tan positivo para a nosa comarca”.

A primeira das rutas plantexadas será o próximo sábado 8 de outubro ás 10:30 horas, a ‘Ruta dos Fornos e Mina Consuelo, A Pontenova’ da man de Tirolina das Minas. A seguinte será o mércores 12 de outubro ás 10:00 chamada ‘As pegadas do pasado na Costa de Xove’ con Boris Vilar Vidal e ese sábado, o 15 de outubro, será a ruta ‘O Vicedo, porto das xentes do norte’, ás 10:00 con Boris Vilar.

O sábado 22 de outubro será o turno da ruta ‘Bateando ouro en Alfoz’ ás 10 da mañá da man de Fran Canosa e o mes pechará coa ruta ‘Burela: de asentamento castrexo a vila medieval’ o 29 de outubro ás 10:30 horas con Lidia de la Fuente. A información para todas as rutas está na súa páxina web.

A deputada, Mayra García, alabou o potencial turístico da Mariña porque “ten moito que ofrecer coa súa combinación de paisaxes, historia, cultura, patrimonio ou gastronomía, e este programa pensado para desfrutar amodo, dentro da filosofía do turismo slow, é o mellor punto de partida para quen non a coñece e unha inmellorable invitación a repetir visita para quen xa estivo aquí noutras ocasións”.

Salir de la versión móvil