O Voceiro do PSdeG en Abadín, Pablo Díaz agradeceu a implicación da Deputación de Lugo no arranxo das goteiras do Pavillón, que ascenden a un montante económico de 96.838 euros.
Díaz lembrou que defendeu diversas iniciativas no pleno coas que reclamou de xeito urxente que se acometerán as obras necesarias na cuberta do pavillón polideportivo. “Comprobamos o deterioro paulatino destas instalacións, e tras insistir, será a Deputación a través do Plan Único a que vai financiar o 100% da obra, coa substitución da cuberta do pavillón polideportivo”.
Dende a Agrupación Socialista de Abadín denunciaron o deterioro que sofren as instalacións publicas. “No seu momento xa criticamos o abandono dos espazos verdes do colexio público “Aquilino Iglesias Alvariño”, así como os camiños municipais, as areas recreativas ou o campo de fútbol”.
Ademais, con cargo a este investimento da Deputación de Lugo incluídos no Plan Único, e tralas xestións realizadas pola veciñanza da parroquia de Candia financiarase a traída de auga. “Unha nova dotación moi demandada polos usuarios e usuarias, á que se destinarán 107.984,06 euros do executivo provincial”.