A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres sacar a contratación por 372.000€ o proxecto para a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns do Fogar de Santa María, na cidade de Lugo. Así o explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que con este proxecto “conseguiremos cuadriplicar o número de prazas de estacionamento para uso público neste recinto, pasando das 40 que existen actualmente a unhas 165 prazas”.
Así mesmo, a voceira socialista lembrou que o mandatario provincial e a alcaldesa de Lugo acordaron na comisión de seguimento do convenio de cesión de Santa María a apertura gratuíta do aparcamento ao público, fóra do horario laboral dos traballadores e traballadoras provinciais cando acaben estas obras, que teñen un prazo de execución de catro meses unha vez iniciadas. “Demostramos, unha vez máis, que cumprimos coa cidadanía, neste caso para ofrecer máis e mellores espazos públicos para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Lugo, pero tamén do resto da provincia”, explicou Pilar García Porto.
O proxecto afectará á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 que compoñen o complexo de Santa María, onde a Deputación ten situados seis servizos: Recadación, Medio Ambiente, Asesoría Xurídica, Vías e Obras, Cooperación cos Concellos e Artesanía e Deseño.
Os traballos que vén de licitar a Xunta de Goberno consisten na reordenación dos espazos, no afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, drenaxe do edificio no que se sitúa Vías e Obras, execución de rede de pluviais e conexión aos sumidoiros, instalación de luminarias públicas, e acondicionamento do acceso peonil existente entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios.
Discussion about this post