O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co Reitor da USC, Antonio López, a cesión gratuíta da institución provincial á Universidade dos terreos necesarios para construír no Campus Terra a nova Facultade de Formación do Profesorado.
O acto tivo lugar no aparcamento da Facultade de Humanidades, xusto ao pé da parcela de 7.500 metros cadrados que servirá para a construción destas novas instalacións educativas; e participaron tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e o Vicerreitor de Organización Académica do Campus Terra, Francisco Fraga.
“Abrimos un novo capítulo na historia do Campus de Lugo, e tamén na historia da provincia”, sinalou o Presidente, que destacou que a institución provincial cede este espazo no convencemento de que “a ampliación e a mellora dos equipamentos destinados á educación pública repercuten, sempre, nun novo impulso do desenvolvemento social e económico do noso territorio e do conxunto de Galicia”.
Lembrou o presidente que a concesión gratuíta ata o ano 2058 destes terreos que conforman 16 parcelas cunha superficie total de case 7.500 metros cadrados a favor da USC para ampliar o Campus Terra se enmarcan na renovación da cesión por parte da institución provincial doutras 8 parcelas cunha superficie conxunta de 200.570 metros cadrados, que ocupan facultades, centros de investigación e outros servizos educativos do Campus.
Pola súa banda, o Reitor, que agradeceu «a colaboración constante e continua da Deputación», explicou que este novo proxecto forma parte do Plan de Infraestruturas da Universidade. “Era convinte buscar unha nova situación para a Facultade de Formación do Profesorado porque no espazo no que está, que é un espazo moi céntrico da cidade, non había unha solución axeitada ás súas necesidades”, sinalou Antonio López. Segundo anunciou, a parcela servirá para “construír aquí un espazo para a educación física ligada á Facultade de Formación do Profesorado, pero un espazo tamén para toda a comunidade universitaria e de toda a cidade”.