A Deputación e o Concello completarán o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena

O mandatario provincial e a rexedora presentaron tamén o proxecto técnico para acometer as obras entre a glorieta 25 de Novembro e a de Benigno Rivera
3003223 Sinatura convenio dunha nova fase do desdobramento da Avenida Infanta Elena

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, asinaron este xoves o acordo de colaboración e presentaron o proxecto técnico co que ambas administracións completarán o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena, acometendo unha segunda fase que afecta ao treito que vai da glorieta 25 de Novembro á de Benigno Rivera.

O Concello promove a obra e aportará os terreos, mentres que a Deputación redactou o proxecto técnico, financiará integramente os traballos cun investimento de practicamente 1,5 millón de euros e tamén se ocupará de acometelos.

O proxecto contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta 25N e a de Benigno Rivera. Entre a glorieta 25N e a da Garaballa, a marxe dereita da calzada pasará de dous carrís de circulación a tres, cun ancho total de 10,25 metros. A marxe esquerda manterá a distribución de tres carrís existente, cunhas beirarrúas de 2,25 metros de ancho e un carril bici que dá continuidade ao do tramo anterior. A actuación contempla tamén a humanización da mediana central, que xa conta con céspede natural, na que se plantarán árbores e especies arbustivas.

Entre a glorieta da Garaballa e a de Benigno Rivera actuarase para dotar a este treito de dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. A marxe dereita dotarase ademais dun carril bici cun ancho de 3 metros. En ambos lados, as beirarrúas contarán cun ancho de 4,05 metros, árbores, iluminación, bancos e papeleiras.

Ademais, renovaranse os servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables. Esta proposta vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo, onde se establece unha nova xerarquía no uso da cidade, onde o peón é o protagonista, seguido dos medios de transporte non motorizados e o transporte público e, en último termo, o vehículo privado.

José Tomé destacou que a execución da primeira fase “tivo un resultado excelente”. “É unha gran obra, que está moi ben valorada polos veciños da cidade e do resto da provincia”, e nesta segunda fase “seguiremos nesta mesma liña, cunha actuación urbanística coidada, con criterios de humanización e sostibilidade, para seguir mellorando a seguridade e a comodidade dos peóns, dos ciclistas e dos condutores, e acorde coa entidade desta avenida, como principal entrada a Lugo dende a súa parte norte e como arteria distribuidora do tráfico pola cidade”.

O prazo de execución, unha vez iniciados os traballos, é de 12 meses. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a importancia que ten para a cidade este convenio que permitirá acometer a segunda e última fase do desdobramento da Infanta Elena, un acceso clave para Lugo e de conexión dos polígonos do Ceao e o das Gándaras e situado nunha zona da cidade destinada a crecer con proxectos de gran envergadura, como o futuro barrio multiecolóxico.

Ademais, a rexedora sostivo que unha vez finalizada a obra, esta avenida se conformará como unha vía alternativa para liberar do tráfico da Avenida da Coruña, «avenida que queremos transformar cun gran bulevar para mellorar a calidade de vida da veciñanza do barrio da Milagrosa». Para acometer esta nova execución, a rexedora lembrou que o Concello procederá a expropiar 29 parcelas, que terán un custo global para administración local de 147.372 euros.

 

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.