A Deputación e o Concello completarán o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena

O mandatario provincial e a rexedora presentaron tamén o proxecto técnico para acometer as obras entre a glorieta 25 de Novembro e a de Benigno Rivera

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, asinaron este xoves o acordo de colaboración e presentaron o proxecto técnico co que ambas administracións completarán o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena, acometendo unha segunda fase que afecta ao treito que vai da glorieta 25 de Novembro á de Benigno Rivera.

O Concello promove a obra e aportará os terreos, mentres que a Deputación redactou o proxecto técnico, financiará integramente os traballos cun investimento de practicamente 1,5 millón de euros e tamén se ocupará de acometelos.

O proxecto contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta 25N e a de Benigno Rivera. Entre a glorieta 25N e a da Garaballa, a marxe dereita da calzada pasará de dous carrís de circulación a tres, cun ancho total de 10,25 metros. A marxe esquerda manterá a distribución de tres carrís existente, cunhas beirarrúas de 2,25 metros de ancho e un carril bici que dá continuidade ao do tramo anterior. A actuación contempla tamén a humanización da mediana central, que xa conta con céspede natural, na que se plantarán árbores e especies arbustivas.

Entre a glorieta da Garaballa e a de Benigno Rivera actuarase para dotar a este treito de dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. A marxe dereita dotarase ademais dun carril bici cun ancho de 3 metros. En ambos lados, as beirarrúas contarán cun ancho de 4,05 metros, árbores, iluminación, bancos e papeleiras.

Ademais, renovaranse os servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables. Esta proposta vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo, onde se establece unha nova xerarquía no uso da cidade, onde o peón é o protagonista, seguido dos medios de transporte non motorizados e o transporte público e, en último termo, o vehículo privado.

José Tomé destacou que a execución da primeira fase “tivo un resultado excelente”. “É unha gran obra, que está moi ben valorada polos veciños da cidade e do resto da provincia”, e nesta segunda fase “seguiremos nesta mesma liña, cunha actuación urbanística coidada, con criterios de humanización e sostibilidade, para seguir mellorando a seguridade e a comodidade dos peóns, dos ciclistas e dos condutores, e acorde coa entidade desta avenida, como principal entrada a Lugo dende a súa parte norte e como arteria distribuidora do tráfico pola cidade”.

O prazo de execución, unha vez iniciados os traballos, é de 12 meses. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a importancia que ten para a cidade este convenio que permitirá acometer a segunda e última fase do desdobramento da Infanta Elena, un acceso clave para Lugo e de conexión dos polígonos do Ceao e o das Gándaras e situado nunha zona da cidade destinada a crecer con proxectos de gran envergadura, como o futuro barrio multiecolóxico.

Ademais, a rexedora sostivo que unha vez finalizada a obra, esta avenida se conformará como unha vía alternativa para liberar do tráfico da Avenida da Coruña, “avenida que queremos transformar cun gran bulevar para mellorar a calidade de vida da veciñanza do barrio da Milagrosa”. Para acometer esta nova execución, a rexedora lembrou que o Concello procederá a expropiar 29 parcelas, que terán un custo global para administración local de 147.372 euros.

 

Salir de la versión móvil