Dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible -ODS- ao público infantil, a través dunha narración amena e divertida, ao mesmo tempo que se promove a toma de conciencia da poboación máis nova e das familias, ante os desafíos aos que se enfronta o planeta. Este é o dobre obxectivo que se marca o Concello de Lugo coa organización este sábado da obra teatral ‘O de que?’, unha iniciativa ao abeiro do Plan de Acción da Axenda Urbana 2030 de Lugo.
A representación, a cargo do grupo de teatro Atakama, será aberta sen necesidade de inscrición previa e totalmente gratuíta. Está especialmente indicada para nenos e nenas de 3 a 10 anos. Celebraranse catro pases de aproximadamente 50 minutos, en catro zonas diferentes da cidade: pola mañá, ás 11:00 horas, na Praza de Anxo Fernández Gómez; e ás 13:00 horas, na Praza da Milagrosa. Pola tarde, ás 17:00 horas na Praza
do Castiñeiro; e ás 19:30 horas na Praza de Augas Férreas.
“Queremos achegar aos máis pequenos información sobre os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pois consideramos que é fundamental que desenvolvan unha actitude reflexiva sobre o mundo que os rodea e como poden axudar a melloralo, ao tempo que se incide en valores como a igualdade, a inclusión ou a solidaridade”,
explicou Lara Méndez.
A obra ‘O de que?’
Catalina e Miguelito son contadores de contos e de relatos– a súa misión é a de levar a ilusión e a fantasía a todos os lugares do planeta. Nesta ocasión encargaron a Catalina unha importante misión: narrar a importancia dos ODS –Obxectivos de Desenvolvemento Sostible– a todos os nenos e nenas que poidan.
Desta forma cada vez será máis a xente involucrada na loita dun planeta mellor. Catalina está disposta a conseguilo e para iso manda ao seu amigo Miguelito mensaxes en forma de conto para que el tamén aprenda e lle axude no labor. Pero Miguelito, personaxe un tanto despistado, non se leu os contos dos ODS para realizar un bo espectáculo.