A «praza roxa» de Fingoi convertirase nun pulmón verde lucense

O novo espazo contará con numerosa vexetación, un espazo deportivo ao aire libre e un parque infantil cuberto, así como unha zona de auga
IMG-20230321-WA0014

Esta tarde á veciñanza de Fingoi asistiu á presentación do proxecto de renaturalización co que a rexedora lucense pretende transformar a coñecida como ‘Praza Roxa’ nun novo pulmón verde da cidade. Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta ás persoas residentes na contorna dalgúns dos detalles do proxecto, cuxa materialización suporá un investimento municipal próximo ao millón de euros.

Trátase dunha obra na que os materiais duros, como o formigón ou o cemento, irán desaparecendo en prol de contornas verdes. Neste caso, ademais, a praza experimentará un xiro de 360º, na que só se manterá o vermello da cancha coa que se identifica o recinto, para converterse nun «oasis urbano de vexetación que predominará como constante na conciliación de espazos abertos para o xogo, o deporte, o paseo ou o descanso”, sintetizou
Lara Méndez. Segundo explicou a rexedora, a actuación favorecerá a creación dun espazo libre dunha superficie aproximada de 6.000 m² – da que o 70% será zona verde – aproveitando o sistema dotacional existente, no que se conxugarán áreas axardinadas con todos servizos que ofrece na actualidade.

A futura praza será deseñada aliñada nos principios de accesibilidade e sostibilidade. “Traballamos coa previsión de executar unha zona de tránsito de plataforma única, sen escaleiras, que favoreza unha maior inclusión y máis comodidade ao tempo que axuda ao acougado do tráfico, coa consecuente mellora da seguridade para as persoas usuarias e que será compatible co mantemento do número de prazas de estacionamento hoxe operativas”. Desbotarase a urbanización que hai agora mesmo, estruturada en áreas funcionais independentes, rachando coas cubertas de materiais duros.

“Está previsto que acolla un gran espazo deportivo ao aire libre, que manteña a esencia da actual, e un novo parque infantil cuberto que poderá usarse durante todo o ano. Igualmente, habilitaremos unha extensa superficie verde, conservando o arboredo existente, na que terá cabida unha zona de auga”, adiantou a rexedora. Ademais do emprego de materiais sustentables e reciclados, avanzarase no uso de novas técnicas construtivas, como o aproveitamento do ciclo de auga, desde a recollida de choiva na cuberta da área de xogo ao seu almacenamento na zona acuática.

Relacionadas