As zonas infantís do Castiñeiro sufrirán unha renovación integral

A renovación incluirá unha tirolina, rocódromo, elementos inclusivos e un espazo para a estancia das familias

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe a veciñanza do Castiñeiro o proxecto de renovación integral dos parques infantís situados na praza, que se reunifican nun só gran parque para gañar superficie e que recolle as peticións que lle fixeron chegar os máis cativos e as súas familias nas reunións que mantivo con eles, así como as solicitudes que trasladaron a través do programa de participación cidadá Dito e Feito.

“Tirolinas, rocódromos e redes de escalada son algunhas das solicitudes máis insistentes”, sostivo a rexedora, que apuntou que con esta actuación “atendemos a unha vella demanda da cidadanía para transformar estas zonas de xogos, que se atopan bastante degradadas e que quedaron pequenas para a cantidade de pequenos que os utilizan”, sostivo. O custe desta obra, na que se investirán 365.000 euros e que sairá a licitación próximamente, incluirá, ademais dunha área para xogos máis ampla, un novo espazo humanizado con bancos e papeleiras para a estancia dos pais e avós, “co que queremos favorecer a convivencia interxeracional, para nós moi importante”. Complementará a actual superficie de picnic, que se manterá, ao igual que se manterá todo o arboledo para non perder as zonas de confort. En total, actuarase nunha área de 659 metros cadrados.

A alcaldesa, que estivo acompañada do tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, avanzou que no deseño se tiveron en conta, ademais das peticións dos usuarios, que os xogos sexan inclusivos, que permitan a socialización e adaptados para nenos con distintas capacidades.

Os tres xogos principais serán dúas torres diferenciadas por idades, unha para os pequenos de ata 5 anos e unha segunda pensada para o goce de ata 12 anos, e un xogo escultórico, modular e poliédrico con 14 caras.  A alcaldesa destacou que tamén se incluirán elementos de abalo para uso individual, grupal e mesmo adaptado para o xogo inclusivo, así como asentos xiratorios con deseño especial para nenos con trastorno do espectro autista. “Trátase dun espazo pechado para se poida refuxiar cando se atope sobreestimulado. As texturas interiores están especialmente pensadas para unha exploración táctil instrutiva”, destacou.

Salir de la versión móvil