Dúas propostas lucenses arredor do Día do Fracaso o vindeiro xoves

O movemento Localmente Lucense ofrece unha charla con Javi Moral e un almorzo de negocios

A alcaldesa Lara Méndez durante un almorzo de negocios Localmente Lucense

Cómo xestionar o fracaso empresarial. As claves daraas o deseñador e director creativo especializado en emprendemento, coworking e creación e construción de comunidades, Javi Moral, o próximo xoves – Día do Fracaso – no CEI Nodus. O impulsor de ‘El Éxito del Fracaso’ será o relator da seguinte charla de alto impacto que a alcaldía de Lugo ofrecerá dentro do movemento Localmente Lucense.

O encontro, que está dirixido a persoas emprendedoras, ou que estean a piques de selo, e a aquelas outras que busquen aumentar os seus coñecementos cara unha oportunidade laboral, terá lugar o 13 de outubro, de 20:30 a 22:30 horas, nas instalacións do CEI Nodus. No mesmo lugar esa mesma mañá -de 08:30 a 09:30 horas na Sala Multiusos do Espazo Lab- se celebrará, tamén, o sétimo almorzo de negocios iniciados ao abeiro desta Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía lucense, deseñada polo Concello para paliar as consecuencias da crise sanitaria.

“O obxectivo é inspirar a persoas emprendoras e conmemorar esta xornada lembrando que se pode aprender máis dos fracasos que dos éxitos”, sinalou a rexedora ao tempo que explicou que o evento “pretende ser un intercambio de experiencias, problemas e solucións abordando esta cuestión dun xeito distendido e sincero”.

Para participar nestas accións, a charla de impacto e o almorzo de negocios, é necesario inscribirse a través das web estando o aforo, neste último caso, limitado a 50 prazas.

Salir de la versión móvil