Lara Méndez esixiralle á Xunta a conclusión da Rolda Leste

A veciñanza de Fontiñas quéixase da sobresaturación de tráfico que sofre a zona condicionada pola non finalización da Rolda Leste

Imaxe do encontro mantido pola alcaldesa coa veciñanza de Fontiñas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez,mantivo un encontro coa veciñanza de Fontiñas para coñecer as súas necesidades actuais e poder atender, así, as demandas máis urxentes. Méndez compartiu a preocupación xeralizada das e dos residentes por se o último proxecto coñecido para finalizar a Rolda Leste volve paralizarse unha vez máis, logo dos sucesivos cambios e vaivéns que experimentou nos últimos anos.

“Falamos dunha infraestrutura que resulta vital para o crecemento da cidade, segundo recoñeceu Méndez, e que está a condicionar o día a día desta contorna afectada dende hai moito tempo por unha sobre saturación do tráfico”. A alcaldesa incidiu en que tanto esta avenida como a estrada do Rato son as principais vías de conexión co HULA. “Un centro sanitario que é hospital de referencia para toda a provincia e que propicia que miles e miles de vehículos transiten por elas cada xornada sen que toda esa circulación reverta dunha forma positiva porque a maioría dos traxectos son de paso, sen parada, o cal dificulta incluso a dinamización económica e a mobilidade de toda a zona”.

Lara Méndez lamentou que logo de ter solicitado a documentación técnica da actuación o pasado 19 de decembro á Consellería de Infraestruturas, o ente autonómico aínda non lle teña trasladado ningunha información ao respecto, “de maneira que tampouco sabemos de que xeito podemos colaborar dende o Concello para axilizala”. A rexedora insistiu na relevancia da obra, impulsada por Touriño durante o seu mandato ao fronte da Xunta e paralizada durante máis dunha década por Núñez Feijoo, e amosou o seu firme compromiso de perseverar en esixir que se acometa a súa materialización.

Así mesmo, Lara Méndez aproveitou a xuntanza para explicarlle ás persoas asistentes algúns dos proxectos municipais previstos polo Executivo local para o barrio, entre os que se atopa a creación dun novo parque infantil e dun aparcadoiro de carácter disuasorio. Unha intervención para a que o Concello leva xa tempo buscando a superficie axeitada, ante a inexistencia de parcelas municipais dispoñibles nas inmediacións, e que atopa o seu principal escollo na dificultade de que os terreos con maior viabilidade son particulares e as respectivas propiedades amósanse reticentes á cesión.

Salir de la versión móvil