A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de solicitarlle unha reunión á conselleira de Medio Ambiente ante a falta de avances no cumprimento do acordo plenario co que a Corporación Municipal, na súa totalidade, a instaba a paralizar definitivamente a construción de vivenda pública no Castiñeiro e a executala noutra parte da cidade onde o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) xa dispón de terreos ao efecto. “Un consenso ao que se chegaba en marzo, respectando a vontade da veciñanza do barrio – e que a Xunta, mes e medio despois, segue sen ter en conta”, afirmou a rexedora.
“En ningunha das dúas cartas que nos foron remitidas ao Concello, nin a Delegación Territorial nin a propia conselleira amosaron interese algún por celebrar unha xuntanza para abordar a situación, a mellor mostra da vontade que teñen por cumprilo. Ao contrario. Só se daba conta do inicio da paralización – que, porén, tres semanas despois segue sen terse materializado – e se solicitaba acreditar o interese público que xustificara supender o proxecto, como se o rexeitamento social que quedou patente nas rúas e nese acordo unánime non fora dabondo”, lembrou Méndez.
A mandataria lucense amosou tamén a súa preocupación porque esta dilación, “innecesaria e indebida” poida derivar na perda do financiamento europeo que se lle asignou ás comunidades autónomas para que creasen vivenda protexida. “Levamos dende o 2008 agardando que a Xunta constrúa VPO en Lugo, un desprezo que non parece estar disposta a reverter agora nin dispoñendo dunha inxección económica extraordinaria para facelo”, lamentou a rexedora. “Ningún Goberno sensible ás necesidades cidadás deixaría pasar esta oportunidade nin lle daría as costas deste xeito á poboación, despois de tantos anos de abandono”.
A este respecto, Lara Méndez apelou a desbotar escusas. “A Xunta dispón de dereitos urbanísticos noutras localizacións da capital como pode ser Magoi ou Garabolos. A determinación de implantala no Castiñeiro foi súa, de xeito unilateral, pero ten posibilidade, xa nestes momentos, de levala a outro sitio”. “E que non enganen a ninguén. Isto é independente de que, dunha forma conxunta, busquemos a solución máis beneficiosa para o interese xeral, de compensar os dereitos que a Xunta perdería na parcela da rúa Ramón Piñeiro se solicita – como debe facer ao ser a súa propietaria – que se limite a edificabilidade desa superficie”, recordou a alcaldesa.
Antes de rematar, Méndez fixo fincapé no dobre obxectivo da reunión solicitada á conselleira de Medio Ambiente. “Os e as lucenses merecemos que a señora Vázquez adquira dous compromisos en firme co noso municipio como son, primeiro, o de paralizar o procedemento do Castiñeiro, atendendo á petición dese barrio; e segundo, o de crear vivenda de protección oficial na cidade empregando o financiamento europeo que se nos brindou aos territorios e que non nos podemos dar o luxo de desaproveitar ante a elevada demanda que existe dun parque inmobiliario accesible”.
“Que a conselleira teña por seguro que esta alcaldesa e esta Institución lle tenderá a man, como facemos sempre, para chegar a acordos sobre como resarcir a diminución da edificabilidade dos terreos do Castiñeiro se iso é o único que lle preocupa para cumprir coas súas responsabilidades”, concluíu Lara Méndez.