Lugo acolle o próximo 27 a presentación do libro ‘Unha nova Olanda’

O obxectivo da obra, do ensaísta Antón Baamonde, é debater sobre o potencial da Eurorrexión conformada por Galicia e o norte de Portugal

Antón Baamonde

Debater sobre o enorme potencial da Eurorrexión conformada por Galicia e o norte de Portugal nun escenario global. Ese é un dos obxectivos do prestixioso ensaísta Antón Baamonde, que presentará o 27 de xaneiro en Lugo o seu último libro, ‘Unha nova Olanda’.

O escritor lucense conseguiu elevar á axenda pública o cáracter urbano de Galicia e a identidade de cada cidade pero baixo unha perspectiva integradora: “Galicia ten que pensarse como unha única cidade con varios nós”, explica. O autor estará acompañado na presentación por Lara Méndez – alcaldesa de Lugo e a primeira muller que preside o Eixo Atlántico-, Ramón Villares –historiador, catedrático e ex presidente do Consello da Cultura Galega- e Daniel Hermosilla –conselleiro delegado do Grupo Rodiñas-.

Segundo Antón Baamonde, Galicia, como Holanda, forma unha rede urbana, un diamante con vértices nas sete cidades. “Promover unha boa conexión podería favorecer a comprensión de Galicia como unha cidade única, necesaria para reter e captar creatividade e talento, en definitiva, a competividade das sociedades no mundo global”, afirma. Para Baamonde, “a cooperación entre as diversas cidades galegas é inevitable. Están chamadas a entenderse”. Pero vai máis alá: “Convén pensar o modo en que Galicia vai conformar unha agregación de habitantes, actividade económica e vida urbana coa área de Porto e o Norte de Portugal, xa que os dous territorios pódense complementar para promover un efecto multiplicador nas súas economías e sociedades”.

Salir de la versión móvil