“Lugo, Capital da Cultura do Eixo Atlántico, ofrecerá máis de 30 programas diferentes durante este 2023 e máis dun centenar de actividades referentes a todas as disciplinas culturais eartísticas, e en todas elas se mesturará o talento lucense, do resto de Galicia e do norte de Portugal”. Así o anunciou hoxe a tenenta de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, acompañada do secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao. “Será a gran cita cultural transfronteiriza deste ano, que se celebrará de febreiro a novembro”, incidiu Abelleira.
O municipio lucense será este ano a sede da séptima edición desta cita. A cidade de Lugo toma o testigo de Braga, cidade que foi Capital da Cultura no 2021. Esta programación inclúe actividades de nova creación, xunto con outras xa consolidadas na cidade como o Arde Lucus ou o Caudal Fest. Todas as actividades, tanto as novas como as xa asentadas, contarán coa presenza da cultura de Galicia e Portugal.
Mostra disto será o evento inaugural, que acollerá o vindeiro xoves, 23 de febreiro, o Auditorio Gustavo Freire, e para o cal se porán a disposición dos interesados, a partir de mañá, mércores, as entradas, totalmente de balde, no edificio de Novas Tecnoloxías do Concello en horario de atención ao público ata completar o aforo. “Queremos abrir o telón da Capital da Cultura unindo nun mesmo escenario o talento lucense de Abraham Cupeiro e o talento portugués da man da Filarmónica de Braga. Nesta xornada inaugural, tradición e modernidade uniranse a través do concerto conxunto do músico lucense e a orquestra lusa», avanzou Ana Abelleira.
Precisamente a música, será un dos piares da Capital da Cultura, cunha ampla e variada programación de concertos na Chanca, na contorna do río Rato, que se unirá á cita musical de referencia na cidade, o Caudal Fest, un festival xa consolidado a nivel nacional. Tamén haberá un concerto de Semana Santa a cargo da Orquestra Ars Combinatoria, acompañada por solistas galaico-portugueses. “A gastronomía terá tamén un papel protagonista, tendo en conta o potencial culinario tanto de Galicia como de Portugal. Neste senso, contaremos cunha feira gastronómica na Praza de Abastos baixo o título ‘Sabores do Eixo’ e tamén impulsaremos o popular concurso de tapas que este ano incorporará produtos de denominación de orixe portuguesa”, apuntou.
A edil subliñou que “outro dos piares da programación será a literatura. Así, contaremos cunhas catas literarias nas que participarán autores de gran prestixio, de ámbalas dúas marxes do Miño, para achegarnos as súas obras; tamén teremos unha feira do libro infantil e xuvenil, e unha exposición de cómic, unha das disciplinas creativas máis actuais e completas”.
A arte urbana tamén contará cun espazo importante nesta cita como unha das modalidades que está a ser protagonista na transformación das cidades. Así, Lugo converterase novamente nun lenzo para as obras de recoñecidos artistas galegos como Diego As, Marcos Pereira, Pía Piadosa ou Noemí Núñez, que intervirán en
diferentes espazos da cidade con motivo desta cita. Así mesmo, organizarase o Festival Cores Atlánticas, que contará con zonas de pintado de graffitis, exhibicións de skate ou actuacións de DJs, entre outras actividades.
Por outra banda, as tradicións galegas e portuguesas estarán presentes en toda a programación a través de exposicións, conferencias e unha mostra de xogos populares de ambas rexións. O pasado romano de Lugo tamén terá protagonismo na Capital da Cultura a través do Arde Lvcvs, e as costumes e artesanía lucense e portuguesa terán oco nas festas patronais da nosa cidade, a través da feira Arte San Froilán. Outras das disciplinas que incorpora a programación son: o cine, a través dun ciclo de mulleres directoras, baixo o título ‘Unha mirada en feminino’; a maxia, co festival ‘A maxia do Eixo’; a moda, coa celebración da ‘Gala Lucus Moda Atlántica’; a pintura, a través dunha exposición de arte lusa; a danza, co Encontro de danza universitaria; ou o circo, a través de representacións nas rúas da cidade.
O Miño, fronteira natural e tamén punto de unión de Galicia e o norte de Portugal, será un dos escenarios principais desta programación. Este privilexiado enclave natural, convertarse nun espazo de reflexión sobre a igualdade, a diversidade e a inclusión na sociedade actual, a través da cita ‘De perdidos ao Miño’, e tamén se aproveitará o espazo para a realización de actividades culturais durante os meses de verán.