Lugo prepárase para revivir o seu pasado romano con máis de 50 actividades

Recúperase o obradoiro de creación dun ‘flabellum’ e obradoiros, conferencias, microteatros e actividades excusivas para o estudantado e asociacións da cidade

Lugo prepárase un ano máis para revivir o seu pasado romano a través do Arde Lucus e, “como antesala a unha festa, declarada de Interese Turístico Internacional presentamos, como paso previo a unha edición moi especial, máis de medio cento de actividades de inspiración romana e castrexa, deseñadas pola concellería de Xuventude e coa colaboración das 19 asociacións de recreación histórica da nosa cidade” explicaba a rexedora lucense.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, adiantaba que se trata dunha programación gratuíta, moi completa e pensada para tódolos públicos. E engadía que, “traballamos en alimentar a nosa recentemente declarada Festa de Interese Turístico Internacional con actividades, desde marzo ata xuño, para seguir facéndoa cada vez máis e máis atractiva”, matizaba ao tempo que agradecía a implicación ás asociacións e convidaba a toda a cidadanía a gozar deste Arde Lvcvs Cvltvral.

Entre as novidades, Méndez quixo destacar que nesta edición recupérase o obradoiro de creación dun ‘flabellum’ contra a calor que realizará a asociación Kertix e tamén que se levarán a cabo talleres, conferencias, microteatros e actividades de asistencia exclusiva para que o estudantado e o tecido asociativo da cidade , coñezan máis de preto a festa.

Dentro da programación esta incluído o ciclo de conferencias ‘Gallaecia: pasado común do Noroeste peninsular’ co obxectivo de dar a coñecer o pasado compartido de Galicia e Portugal, para comprender mellor o noso presente. Contando con conferenciantes de toda Galicia e Portugal, da talla de Santiago Ferrer, Fermín Pérez Losada, Rubén Álvarez Asorey, Miguel Sopas de Melo Bandeira, entre outros.

A Cohors III Lucensium levará a cabo diferentes relatorios no Vello Cárcere, que tratarán temáticas de arquitectura urbana, de menciña, de arte e aparellos fluviais da cunca do Miño, ademais de acoller unha charla moi interesante sobre a prostitución, o sexo e a vida multiemocional na antiga Roma, da man de Ana Castro, psicóloga sanitaria e sexóloga. Neste senso Senatus Lucus Augusti, organizará un ciclo de conferencias sobre a historia de Lugo, en diferentes xornadas.

A xa consolidada Festa da Primavera, terá lugar na Horta do Seminario. As asociacións Civitas Lucensis, Clan De Breogán, Lugdunum, Mercenarios Galaicos e Trebas Galaicas participarán con diferentes obradoiros de traballos en coiro, barro, cociña e cestería, pero tamén prepararán unha representación das vodas celtas, das ofrendas dos e rituais inspirados nos antigos poboadores. Volvarase a gozar dos obradoiros de mosaicos con teselas de barro, de confección, de elaboración de reloxes de sol, de hamatas, xogos romanos, unha xincana e unha a exposición de hamatas da man das asociacións Salesiani Luci Augusti, Ara Roma, Asemblearias de Lucus
Augusti e Terra Corpora.

Enmarcada nesta programación tamén está incluído a recreación do Natalicio no que participaran as asociacións Ara Roma, Asemblearias De Lucus Augusti, Cohors III Lucensium, Guardia Pretoriana, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Pax Romana, Salesiani Luci Augusti e Senatus De Lucus Augusti , e a cidade voltará a acoller diferentes paseos con Paulo Fabio Máximo e Güidox da man de Senatus de Lucus Augusti e das Vestales de Lucus Augusti.

Mauricio Repetto anima á cidadanía a participar nesta primeira acción dun completo programa de actividades previo ao gran Arde Lvcvs, “que este ano é de Interese Turístico Internacional”.

Salir de la versión móvil