A cidade de Lugo acollerá do 2 ao 7 de maio a cuarta parada do Tour do Talento 2023. Durante unha semana, organizaranse máis de 50 actividades, entre as que destacan foros, talent sessions e unha programación de lecer e actividades deportivas en diferentes espazos da cidade para impulsar e conectar o talento da mocidade. Todas as actividades son gratuitas e están abertas ao público, con aforo limitado. Para participar nos distintos talleres é necesaria a inscrición na web. O Tour do Talento en Lugo, promovido pola Fundación Princesa de Xirona, organízase da man do Concello de Lugo e TRIVU como aliado estratéxico.
Despois de pasar por Zaragoza, Valladolid e Córdoba , o Circuíto chega a Lugo cun programa enfocado a potenciar a empregabilidade, o emprendemento, os traballos do futuro, as competencias profesionais máis demandadas polas empresas, o awareness dixital, a educación, o benestar e o impacto social. Ademais, o Circuíto despregará un contido específico sobre tecnoloxía e sustentabilidade aplicadas a distintos ámbitos en xeral e ao deporte en particular.
Este venres tivo lugar a presentación oficial da programación na que participou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada dos concelleiros de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto; e Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira. Tamén asistiron o director do Tour, Jordi Estruga, e a directora de Premios da Fundación Princesa de Girona, Íngrid Aznar, xunto a representantes de entidades colaboradoras e que participarán na programación. Lara Méndez incidiu “ na importancia que ten esta iniciativa para a cidade, non só para visibilizar todo o noso potencial educativo e de talento xuvenil, senón tamén para poñer unha vez máis a Lugo no mapa nacional, xa que se trata dun evento de gran transcendencia e notoriedade”.
O Auditorio Gustavo Freire acollerá o acto central do Tour xunto co Congreso Importa e a Proclamación do Premio Princesa de Girona de Investigación Científica. O Museo Interactivo Historia de Lugo e Impulso Verde Lugo acollerán os foros, talent sessions, mesas de debate, talleres prácticos e conferencias inspiradoras da cuarta parada do Tour do Talento. O Vello Cárcere e unha carpa que se instalará na Praza Horta do Seminario albergarán o resto das actividades educativas, lúdicas e deportivas que terán lugar ao longo desta semana de celebración do talento local, xunto coa Casa da Xuventude, onde haberá unha exposición de artes plásticas. Tamén haberá visitas a Inditex Arteixo, Norvento, o Campus Terra da USC, Vertex Bionergy e outros espazos da cidade de Lugo.
A programación do Tour do Talento en Lugo arrinca o martes 2 de maio coa Feira Campus Terra, unha xornada de encontro entre alumnos de educación secundaria e as diferentes escolas e facultades que compoñen o Campus de Lugo, co obxectivo de que o alumnado explore posibles vías na súa carreira formativa. Por outra banda, tamén se realizará unha visita guiada sobre emprego e sustentabilidade, unha exposición dos antigos estudantes da Escola de Arte Ramón Falcón, así como talleres e mesas redondas de artistas, entre outras actividades.
A segunda xornada do Tour, o mércores 3 de maio, estará marcada por un Foro de Desenvolvemento de Talento onde levará a cabo un Focus Group sobre innovación, talento e propósito da man de Ou4I, Norvento Enerxía e Avincis. Esta sesión forma parte do proxecto Códgo!, unha iniciativa que é posible grazas á alianza entre a Fundación Princesa de Girona e Harbour Space University e coa colaboración de Fundación Banco Sabadell para contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico dos mozos e das aulas a través de formacións disruptivas que contribuirán a expandir a linguaxe da programación. Ademais, terá lugar unha “Feira de Emprendedoras” que versará sobre innovación, sustentabilidade e economía circular onde as empresas convidadas, lideradas todas elas por mulleres, mostrarán os produtos ou servizos que comercializan, interactuando co público. Paralelamente á feira, organizaranse dúas mesas redondas onde emprendedoras de referencia expoñerán a súa experiencia á hora de emprender e con que retos atopáronse nese camiño.
Un día máis tarde, o xoves 4 de maio, levará a cabo un “Encontro de docentes que deixan pegada” dinamizado por Esteve López, formador de claustros e equipos directivos en Fundación Trilema, e María Batet, formadora en creatividade e emprendemento; un foro sobre Ecuación Talento onde se falará dos valores que inculca o deporte, e que tamén se aplican a outros aspectos da vida como na educación ou nas empresas, da man de xogadores, adestradores e profesionais de distintas empresas.
No ecuador do Tour do Talento Lugo 2023, o venres 5 de maio, terá lugar o acto central no Auditorio Municipal Gustavo Freire, onde se desvelará tamén o fallo do Premio Princesa de Girona Investigación Científica 2023 da man dun xurado de expertos e premiados da fundación de anos anteriores. Antes do acto central do Tour do Talento de Lugo terá lugar no mesmo auditorio o Congreso ‘Importa’, da man da Fundación O que de verdade importa (LQDVI) e ofrecerá unha serie de charlas que achegarán aos novos valores como a tolerancia, a superación, o respecto ou a solidariedade. Dani Caverzaschi, tenista español número 1 nacional e o 14 a nivel mundial e unha das promesas do deporte paralímpico español e Antonio Espinosa, CEO de Aura, empresa social cuxo fin é financiar proxectos de acceso a auga potable, protagonizarán o encontro.
A fin de semana estará repleta de actividades lúdicas e formativas. Haberá un campionato 3×3 de baloncesto na rúa, ao que se convidará a todos os e as lucenses a participar, dirixido pola Fundación Breogán, ou o XXI Circuito Larsa Corre con Nós. Por outra banda, o Tour conta en cada cidade coa implicación dos propios mozos locais que interveñen na organización de actividades.